Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 09/12/2010
na lectura dese artigo reafirmeime nalgo que cada vez vexo con máis nitidez, que esa corrente non é máis que un sindicato (nunca mellor dito o de sindicato) de cabreados, de cabreados pura e simplemente por non mandar eles, e que non é perceptible nen a máis mínima distancia ideolóxica dentro do máis rancio dos marxismos que en Europa occidental se poida encontrar entre quen manda e quen está cabreado por non mandar.
Nese artigo, o meu tocaio, en aplicación do esquema de análise marxista pretende ver nas críticas que se lle fan aos controladores aereos pola sua folga selvaxe e ilegal da pasada fin de semana un ataque encuberto á clase traballadora, segundo este ríxido esquema binario de análise no que sempre aparecen bos e malos, como en todo filme do oeste que se precie, onde os bos son sempre os empregados por conta allea e os malos son sempre os traballadores por conta propia. Para os marxistas o sistema económico de libre mercado é un xogo de suma cero, o que gaña o empresario é porque o perde o traballador e o que gaña o traballador é porque se lle arrincou ao empresario, simplemente porque non queren entender os mecanismos de xeración dunha riqueza que só as economías libres logran. Vese perfectamente que é un sistema económico do que abominan o que non os leva a propor nengunha alternativa máis que nada porque non se atreven a propor a instauración dun sistema económico de planificación central, non son capaces de comprender que nunha sociedade máis libre, productiva e emprendedora o xogo non é de suma cero senón que é de gañancia para todos (win-win), para os emprendedores e para os asalariados, como demostra o exemplo das sociedades máis ricas do mundo, e que é o único camiño para reducir as arrepiantes taxas de desemprego que aquí padecemos e por suposto a única maneira de combater os preocupantes síntomas de empobrecemento que de maneira crecente podemos ver na nosa sociedade.
O esquema dogmático e simplificador fai que para a inmensa maioria dos afiliados de todas as correntes da Frente Marxista Irrazonable (FMI en diante), un asalariado que cobra 500.000 euros ao ano, como cobraban algúns controladores, non é un privilexiado e un insolidario que se permite paralisar o País na defensa dos seus indefendibles intereses corporativistas senón que é un coitadiño traballador que ten uns dereitos lexítimos que defender mentres que un autónomo que non chega a fin de mes e que só terá dereito á pensión mínima e non ten dereito ao subsidio de desemprego basta con que teña un empregado para que, segundo a cosmovisión do FMI, non deixe de ser un malvado explotador capitalista.
Pola miña parte aplaudo a declaración de estado de alarma e a militarización das torres de control, nengún estado serio do mundo pode permitir que un grupo de varios centenares de persoas poidan chantaxear a un País enteiro, é un monopolio, ineficiente como todos os monopolios, como o de AENA o que leva a esta situación onde un lobby corporativista de privilexiados con comportamento mafioso, mesmo ata o punto de controlar o número de persoas que eran formadas para ser controladores, detén unha brutal capacidade de chantaxe e os responsables políticos diso son evidentemente o PP e o PSOE por ter consentido durante os últimos 28 anos un status quo de privilexios inaceptables e inxustos para ese lobby sindical.
Unha visión tan absurda e dogmática da realidade como pode ser esta está gravada a sangue e fogo na mente da inmensa maioria dos que pertencen á devandita organización política, unha organización política á que lle agrada moito un fenomeno das economías planificadas que eles admiran e que tratan de trasladar á política, esta é, porén unha das práticas que máis danifica a traballadores e a consumidores cando se produce no sistema de libre mercado, tratase do monopolio, os nacionalistas marxistas saben que viven do monopolio do galeguismo e os que non son galeguistas tamén están interesados en que non haxa competencia, é inimaxinable para o PP e o PSOE un escenario tan confortable como ter a unha organización anticuada, sectaria, inoperante, dogmática, inflexible e sen axilidade na toma de decisións como único competidor representativo no campo do galeguismo/nacionalismo polo que politica e mediaticamente están facendo e farán todo o posible para favorecer a fosilización do status quo actual.
Imaxinemos que nos bares e restaurantes de Galicia só hai refrescos de cola e de laranxa, e que temos dous fabricantes de refresco de cola; Colapp e Colasoe e un fabricante de laranxada chamado Blocanxa, nesa situación quen teña preferencia pola cola poderá escoller entre dous produtos, encontramos logo, dentro do mercado da cola certa concorrencia, se un dos fabricantes sobe moito o prezo ou baixa a calidade o consumidor poderá comprar a outra cola, sen embargo no mercado da laranxada non hai concorrencia, o fabricante pode meter limón facendo máis acida a bebida, pode subir o prezo, meterlle máis auga para abaratar os custos de produción, pero a quen lle guste a laranxada non ten máis remedio que seguir optando pola Blocanxa, o caso é que a falta de concorrencia acaba facendo a Blocanxa realmente intragable e inda por riba moi cara, o que salva á Blocanxa, polo menos de momento, é que hai unha secta relixiosa que cre que o consumo de Blocanxa é o único camiño para a salvación eterna, como en todas as sectas quen se da conta do absurdo da situación e se vai da secta é estigmatizado polos que permanecen, constatase, como en todas as sectas, unha dificultade enorme para o seu abandono, tamén hai un grupo chamado Blocanxologos, estes levan moitos anos dedicados a elaborar sesudas análises de porque a Blocanxa sabe a raios, sen que iso os leve a procurar alternativas o resto dos consumidores que tiñan preferencia pola laranxada en condicións de relación calidade/prezo similar como non encontran outra marca de laranxada vanse pasando ao sustitutivo, ao refresco de cola, algúns a Colapp e outros a Colasoe e algúns outros optan por deixar de ir aos bares ao non encontrar un produto que lles satisfaga.
Como resultado desta situación de mercado limitado e intervido cada vez hai máis consumo global de refresco de cola e menos de laranxada, só a introdución dun ou varios competidores no mercado da laranxada pode remediar esta situación que ameaza con levar a ruina a todos os colleiteiros de laranxa, que como só teñen un cliente que á sua vez vende menos cada vez e lles paga peor a froita están ameazando ruina. A situación é insostible, pero os tres fabricantes, Colapp, Colasoe e Blocanxa reunense en segredo para crear unha Comisión que eles chaman independente, xenerosamente subsidiada con fondos públicos cuxo cometido real, baixo pretexto de cuidar pola saude pública, é dificultar con todo tipo de trabas a aparición de novos fabricantes, especialmente de laranxada, os fabricantes de cola saben que con Blocanxa como concorrencia o seu futuro está garantido, tamén saben que hai unha pequena fábrica chamada Laranxencia, que está a facer moi bo produto cunha porcentaxe moi elevada de zumo, pero que é pouco coñecida e que ten dificultades para encontrar distribuidor xa que o mercado da distribución está fortemente subsidiado con fondos públicos pola Comisión Independente a cambio de que só poidan distribuir as tres marcas para asegurar o seu dominio. Os directivos de Laranxencia xa sabían que se ian encontrar cun mercado pechado, onde as trampas son costume, e os reguladores traballan para limitar a concorrencia, en vez de favorecela, pero están convencidos de que a perseverancia en dar a coñecer a sua bebida e a calidade do produto acabara rompendo o triopolio.
Pois isto é moi aproximadamente o que pasa na política galega, nin que dicir ten, que nestas circunstancias o status quo actual é unha verdadeira lacra para o galeguismo político e para o mesmo desenvolvemento das potencialidades de Galicia e dos seus cidadáns, como liberal demócrata sempre vexo con receo os monopolios e os oligopolios porque sempre perxudican ao consumidor, tamén neste caso, o monopolio do galeguismo e o triopolio do mapa político galego é unha lacra para os electores.