Solidariedade ou burla interterritorial?

Solidariedade interterritorial, eis a grande fraude disfrazada de altruismo e nobres sentimentos que algúns nos pretenden vender desde os centros de poder do Estado e desde os seus repetidores provinciais e provincianos en Galicia. Un xornal da Coruña informábanos hai uns días que en Galicia xa temos máis pensionistas e desempregados que traballadores activos, na mesma nova continuabase chegando á conclusión de que é a solidariedade que recibimos do resto de España a que nos permite ir tirando.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 17/12/2010

Comparte esta noticia
O caso é que este panorama de suposta solidariedade interterritorial a nivel español e a nivel europeo durante tantos anos non nos logra sacar nunca do furgón de cola económico nen de España nen de Europa occidental, o que despois de moitos anos demostra que ou ben nos están tomando o pelo ou ben que a solidariedade non logra crear a base para o noso despegue económico, ou se cadra, ambas cousas á vez son certas.
 
Na miña opinión as duas cousas son certas, grande parte deses recursos, son recursos que se invisten en Galicia para beneficiar a Madrid, contan como solidariedade interterritorial cando en realidade non pasan de burla interterritorial, por exemplo os investimentos no Tren de Alta Velocidade ou nos tres aeroportiños galegos, ambas son infraestruturas pensadas para xerar un efecto succión do centro á periferia, non para contribuir ao desenvolvemento da periferia, explícome, o feito de que teñamos tres aeroportiños que na prática só serven para ir a Madrid (80% dos voos) é un beneficio para Madrid, non para Galicia.
 
Para Galicia seria moito máis beneficioso un só aeroporto que nos permitise mais conexións directas prescindindo do nodo de Barajas e ademais seria máis barato, maxía potaxía!, con menos “solidariedade” teriamos mellor servizo, xerariamos máis riqueza recibindo menos diñeiro, a verdade é que é unha solidariedade un pouco rara esta que nos pretenden vender como un favor. Está demostrado que en estudos feitos en Francia e Xapón que o TAV xera un efecto succión da periferia polo centro, o mesmo pasará co TAV que nos unirá co único sitio ao que xa nos unen os nosos tres aeroportiños, aquí temos moito máis diñeiro de “burla interterritorial” que servirá para que veñan a vendernos o favor de que somos uns coitadiños que dependemos dos demais pero que lles damos pena e seguirán subsidiándonos para que poidamos ir en TAV a...Madrid.
 
Eu sinceramente preferiría que se aforrasen a sua xenerosidade, e non nos desen diñeiro para tres aeroportos malos, tres universidades malas e catro diputacións canceríxenas, prefiría que non houbese un euro para que Louzán, Moreda ou Baltar puidesen aplicar políticas de control antidemocrático que empobrecen aos seus territorios, que non houbese diñeiro para que o meu alcalde puidese multiplicar por máis de dous o prezo real do custo das obras do Plan E adxudicandolle as reparacións á mesma empresa que orixinalmente fixo mal o choio, estou absolutamente convencido que neste conto chinés da solidariedade interterritorial menos é máis. Preferiría que só tivesemos diñeiro para un aeroporto rentable e autosustentable economicamente, que só tivesemos diñeiro para unha rede interior de ferrocaril que unise en tempos razoables as sete cidades co único aeroporto, para unha Universidade boa e non tres malas e por suposto estaria moi contentes que non tivesemos nen un céntimo de euro paras as excelentísimas deputacións provinciais.
 
Non coñezo un só caso na historia no que as transferencias de inxentes recursos dunhas zonas a outras con carácter de permanencia tivesen permitido ás rexións pobres xerar as condicións para converxer coas ricas, España é un bo exemplo, desde que teño uso de razón Estremadura é a comunidade máis pobre, Andalucia a segunda e Galicia, Castela A Mancha e Murcia altérnamonos nos seguintes postos. Cando o diñeiro chega por ser pobre o seu resultado final é fomentar a mesma pobreza, crear lazos de dependencia e desincentivar o esforzo por mellorar. As axudas só funcionan cando están, desde o inicio, acotadas no tempo, e todo o mundo sabe que hai que aproveitalas, podemos mencionar o Plan Marshall de axudas dos EUA a Alemaña para reconstruir o País despois da II guerra mundial ou as transferencias da riquísima Alemaña liberal á pobrísima Alemaña comunista despois da reunificación e que tiveron vixencia desde o 1990 ao ano 2000.
 
Nos estados federais fanse públicas as balanzas fiscais, por exemplo en Alemaña, a transferencia de recursos entre lander ten dous límites, en primeiro lugar este non pode superar o 4% e en segundo lugar o reparto interterritorial de fondos non pode alterar a orde de cada Land en recursos xerados, outro exemplo é o Canada onde o límite é do 2%. O sistema alemán podería ser trasladable a unha Unión Federal Europea como a que teño proposto.
 
Neste terreno en Galicia, antes da irrupción de Converxencia XXI cun discurso innovador baseado na importancia insustituible de toda a capacidade de emprendimento individual e colectiva que poidamos activar, na responsabilización dos galegos sobre o noso progreso e na eficiencia no uso dos recursos, tiñamos dous discursos, o do PP e PSOE e das suas subsidiadísimas e grazas a iso nutridas cohortes mediáticas, por un lado, que cren que Galicia é estruturalmente pobre e non pode deixar de selo e que sen os recursos que nos aportan as zonas máis ricas de España e da Unión Europea pasariamolo moi mal. Porén eu creo que os que o pasarían peor non seriamos os galegos en xeral, serian precisamente o PP e o PSOE galegos por ter menos cartos que xestionar para as suas ineficientes e clientelares políticas. O PP e o PSOE cren, sin embargo, só cando goberna en Madrid o outro, que deben choromicar permanentemente ao goberno central e acusalo das penurias que padece Galicia.
 
O BNG ten un discurso diferente, que consiste en negar que Galicia é relativamente pobre en relación ao conxunto de España o que sinxelamente é contraditorio con toda canta estatística hai ao respecto, puro e duro “wishful thinking” ou pensamento desiderativo, soen dicir os do Bloque que Galicia é un País empobrecido, non pobre, e ai xa teñen algo máis de razón, un dos argumentos que dan é que, por exemplo, Citröen Hispania ou Fenosa xeran unha parte importante dos seus ingresos en Galicia e tributan en Madrid ou Barcelona en vez de facelo en Vigo ou na Coruña e isto distorsiona a balanza fiscal, o que non deixa de ser verdade, ainda que tamén é verdade, ainda que os do BNG non o mencionan, que Inditex xera os seus ingresos en todo o mundo e tributa en Arteixo.
 
Galicia, ainda que non é nada agradable recoñecelo, é relativamente pobre en relación ao conxunto de España e ao conxunto de Europa occidental, a diferencia do PP e do PSOE, nos non cremos que o sexa dunha forma inmutable, senón que o é por unha serie de razóns máis ou menos sinxelas de explicar e que, por tanto, poden ser atacadas e solventadas. Un dos efectos máis perniciosos do diñeiro caido do ceo é a irresponsabilidade e ineficiencia coa que se gasta, as nosas autoridades gastan o diñeiro que nos transfiren outros lugares máis produtivos en facer obras faraónicas e redundantes como o pacovazquiano porto exterior da Coruña, en facer mausoleos como a fraguiana cidade da cultura. En ter un mastodóntico e ineficiente sistema administrativo con delegacións da Xunta por doquer, 316 concellos, catro deputacións.
 
Converxencia XXI como forza de convicción federalista europea reclama para Galicia autonomía fiscal, como a que ten o País Basco, temos que nos responsabilizar do que ingresamos e de cómo o gastamos, choromicarlle a Madrid para despois despilfarrar non da resultados, trinta anos de dependencia fiscal testemuñano, só a responsabilidade sobre os tributos e sobre o investimento e a necesidade de que este sexa eficiente nos poderán permitir avanzar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA