Xosé A. Neira Cruz recibe o XI Premio de Narrativa Breve en Lingua Galega

O escritor santiagués foi premiado con 12.000 euros pola súa obra “O sono das sereas” que será publicada por parte da Editorial Galaxia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/12/2017 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Xosé A. Neira Cruz resultou gañador da  XI edición do Premio Narrativa Breve en Lingua Galega pola súa obra “O  sono das  sereas”, un premio que está dotado con 12.000 euros, e que foi publicada por Editorial Galaxia. De feito, xa se pode atopar nas librerías.

Neira Cruz
Neira Cruz | Fonte: Adrián Estévez wikipedia

O acto de entrega tivo lugar esta tarde na Fundacijón Paideia Galiza, na Coruña, e nel participou Ignacio Egea, vicepresidente de Fundación Repsol, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

Xose Antonio Neira Cruz (Santiago de Compostela, 1968) é xornalista, escritor e profesor de Xornalismo. Licenciado en Ciencias da Información e en Filoloxía Italiana, é doutor en Ciencias da Comunicación (2001) e doutor en Filoloxía italiana (2015) pola Universidade de Santiago de Compostela, e Máster en Dereito Premial pola UNED (2013).

Ademais das súas publicacións de índole científica, escribiu máis de 30 obras literarias, polas que recibiu distincións e premios nacionais e internacionais, como o Premio Merlín (en dúas ocasións), o Barco de Vapor (en dúas ocasións), a Raíña Lupa da Deputación da Coruña, o Barriga Verde e Manuel María de teatro (da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC), o Fiz Vergara Vilariño de poesía do Concello de Sarria ou o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Munich (en tres ocasións), entre outros.

O PREMIO

O Premio Narrativa Breve foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, Fundación Repsol toma a substitución para convocar o premio contando coa colaboración da Secretaría  Xeral de Política Lingüística, así como da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Na súa XI edición contou cunha  participación de 31 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta