Por Galicia Confidencial | A Coruña | 20/01/2018 | Actualizada ás 22:00
O nome de Diego Calvo, actual vicepresidente segundo da Cámara galega e presidente provincial do PP da Coruña, leva algún tempo soando nas quinielas sucesorias do Partido Popular en Galicia. Un nome, ademais, que conta con sólidos apoios na provincia, sobre todo, do chamado sector coruñés no que se atopa Carlos Negreira e Beatriz Mato, e no que segue tendo unha gran ascendencia o que no seu día foi o líder do chamado sector do birrete, José Manuel Romay Beccaría. Hai quen se refire xa a eles como "o clan coruñés".
Curiosamente, e cando xa se abriu a tarta sucesoria no PPdeG galego –o propio Alberto Núñez Feijóo está dando pé a iso tal e como aconteceu este xoves-- , Calvo acaba de chegar a un acordo cun dos seus principais críticos na provincia e que, ademais, competiu con el polo liderato do PP na Coruña, Javier Escribano.
De feito, nomeou o exdiputado autonómico e expresidente de Novas Xeracións nesta provincia e antigo rival, responsable da área de Estudos, incorporando, ademais, a persoas afíns a este a distintas responsabilidades dentro do partido. Un pacto que inclúe a retirada por parte de Escribano e dos seus afíns da demanda interposta por supostas irregularidades no congreso do PP local da Coruña, no que resultou elixida a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, como nova presidenta.
MUNICIPAIS E SUCESIÓN
E como é que se produce este acordo nestes momentos?. Segundo fontes consultadas a resposta estaría, precisamente, na apertura do “melón sucesorio” de Feijóo e, tamén, ante a proximidade dos comicios locais, para “apaciguar” a un grupo importante de militantes da Coruña que tería ameazado con boicotear a campaña de Beatriz Mato, nun momento no que a conselleira está decidida a aproveitar a febreza do goberno de Xulio Ferreiro para facerse coa victoria na primavera de 2019.
Tanto Calvo como Escribano apelaron á "unidade" para xustificar este acordo e insistiron neste segundo argumento. "Tentando que todos teñamos un oco para ter un labor dentro do partido e sumar", aseguraba Escribano este venres para quen “é importante deixar de lado os personalismos para facer un PP máis forte de cara ás municipais”. Tamén desde o sector de Diego Calvo destacan que a decisión se tomou "coa mirada posta nas eleccións municipais de 2019", aínda que as fontes consultadas apuntan que tamén é un movemento importante de cara á sucesión no PPdeG.
Tras o pacto, Javier Escribano asumirá a secretaría de área de Estudos, actualmente vacante, e Alejandra González, Juan Ponte e Miguel Robleda sumaranse a ela como vogais. Despois da retirada da demanda haberá tamén cambios na executiva local, incorporando a afiliados que se postularon na candidatura de Escribano. En concreto, Yolanda Corgo e Alejandra González sumaranse ao equipo de traballo nos barrios, e Juan Ponte será vocal.
Logo deste acordo, e segundo as fontes consultadas, Calvo queda reforzado dentro do PP coruñés para centrarse, principalmente, no seu primeiro gran obxectivo que é recuperar a Deputación da Coruña, da que el foi presidente ata que foi derrotado en 2015. Despois diso, e unha vez reforzado, a súa diana, din, estaría en facerse co liderato dentro do PP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.