Por Xurxo Salgado | Bos Aires | 21/01/2018 | Actualizada ás 22:00
O acontecido coa colección artística do Centro Gallego, edificio embargado polo Goberno arxentino, abriu numerosas suspicacias dentro do colectivo de emigrantes neste país. Unhas feridas que non se pecharon tras o anuncio da posible cesión do cadro do Centro Galicia “A derradeira leición do mestre”, de Castelao, para a súa exposición na Cidade da Cultura.
Hai unhas semanas un dos emigrantes máis mediáticos da Arxentina, Ramón Suárez, O Muxo, socio do Centro Gallego, e que conduce, ademais, o programa radiofónico 'Con Vós', era moi crítico co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e tamén co BNG, polo que está a acontecer no Centro Gallego de Bos Aires. A través dunha carta aberta publicada no seu bloque, o Muxo, criticaba que as obras do Centro Gallego non son da Xunta, nin da “Galicia territorial”, senón dos emigrantes.
OBRAS DA EMIGRACIÓN
Unha opinión que tamén comparte o presidente do Centro Galicia de Bos Aires, que ten máis de 9.000 socios, José María Vila Alén. En declaracions a GC, insiste en que as obras que están na emigración "son da emigración e forman parte da Galicia Universal". "Entendendo que Galicia non só se limita ao seu territorio. Todo o que construíron e fixeron os emigrantes forma parte dese mundo da Galicia universal", destaca.
Por iso, Alén cre que as obras feitas na emigración teñen que estar custodiadas "onde foron feitas". Recoñece que é patrimonio de Galicia pero tamén incide en que o colectivo dos emigrantes son tamén "galegos" e polo tanto son quen de custodiar ese patrimonio.
Vila Alén é moito máis diplomático que moitos dos seus paisanos na Arxentina. A polémica suscitada pola posibilidade de que a obra artistica do Centro Gallego poida ser trasladada a Galicia sen o consentimento dos emigrantes ten causado un fondo malestar na comunidade galega de Arxentina. Xa non é unha cuestión de partidos, senón de "sentimentos". De feito, emigrantes que votan ao PP, ao PSOE, En Marea ou BNG están de acordo na necesidade de preservar ese patrimonio no país austral.
Fontes da emigranción consultadas falan xa "directamente" de que a Xunta quere realizar un “espolio” do patrimonio emigrante "coa complicidade de forzas como o BNG". Un patrimonio, din, que atesouran grazas ao traballo que na emigración realizaron numerosos artistas galegos. De feito, apuntan a que o Goberno galego está “utilizando” aos medios galegos, e citan a La Voz de Galicia, para iniciar un debate social sobre a necesidade de que a arte galega nese país sexa trasladada a Galicia.
Vila Alén cre que a Xunta debería ter un papel "máis protagonista" neste conflito. "Actúa dun xeito que, por un lado, aspira a protexer o noso patrimonio pero xera desconfianza nos galegos da diáspora", di en relación ás posibles solucións. Tamén Marcelo Varela, emigrante, critica duramente á Xunta e aos partidos galegos por querer "roubar" o patrimonio da emigración "sen consultar aos socios do Centro Gallego".
SOLUCIÓNS
E cales poden ser as posibles solucións?. Segundo as fontes consultadas, Xunta e emigrantes xa debatiron que habería que facer en situacións semellantes. De feito, está incluído na Lei de Galeguidade. Nesa norma incluiuse un punto que apunta que, en caso de liquidación dunha entidade, as obras de arte poidan ser trasladadas ou cedidas a outra comunidade galega da emigración. Para facer isto posible, cada entidade tivo que modificar os seus estatutos para permitir que as súas obras poidan moverse, pero sempre para formar parte dos fondos doutra entidade da emigración.
Pero esta solución non chegou a tempo para as obras do Centro Gallego. Cando se aprobou isto, esta entidade xa estaba en quebra técnica e intervida. A Xunta tentou que unha nova asociación se fixera cargo da colección, pero foi a posteriori, cando esta xa era propiedade do Estado Arxentino. "E, claro, o xuíz dixo que iso non sería legal e o propio interventor dixo que non podía facer iso porque ía preso e tampouco aceptaron os centros", comentan as fontes consultadas.
"Pero a solución non é que o merque unha multinacional que quere especular con ela", di Marcelo. "Iso é darlle a nosa arte ao capital", indica. "Hai que buscar solucións máis imaxinativas. Ante un problema excepcional, hai que buscar un remedio excepcional", engade Vila Alén.
CREACIÓN DUNHA FUDACIÓN
Por iso, entre as propostas realizadas desde o colectivo emigrante, respaldado por varios centros e que O Muxo defendeu no seu programa radiofónico está o de que a Xunta cree unha fundación nos países nos que hai patrimonio cultural dos emigrantes para velar polo patrimonio artístico. "Que esa fundación merque as colecciós a pezo de tasación e, dese xeito, queden todas xuntas e protexidas", suliñaron fontes consultadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.