O famoso cadro de Castelao non ten aínda a autorización de Arxentina para viaxar a Galicia

Os avogados do Centro Galicia comezaron os trámites o pasado xoves. O centro lembra que a súa cesión será só durante seis meses.

Por Xurxo Salgado | Bos Aires | 22/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"A derradeira leición do mestre" é unha das grandes obras que Castelao pintou na Arxentina. Un cadro propiedade do Centro Galicia e que a Xunta anunciou que sería trasladado a Santiago para ser exposto na Cidade da Cultura. Pero, sengundo poido confirmar Galicia Confidencial, este traslado aínda non está confirmado.

Retrato De Castelao
Retrato De Castelao

Segundo apuntou a GC o presidente José María Vila Alén a petición de traslado ten que ser aprobada polo Goberno de Arxentina. Así, segundo indicou, foi o pasado xoves cando esta entidade recibiu a comunicación oficial sobre o interese por parte da Xunta para a súa exposición en Galicia. E, desde entón, un avogado está "cos papeis" para que poida viaxar a Santiago de Composela.  "Aínda están pendentes cuestións técnicas e autorización de seguros e logo, que o Estado arxentino o autorice", indicou.

Con todo, Vila Alén insiste que a cesión do cadro só será por seis meses que é o que permite a lei arxentina e, polo tanto, descarta que esta obra de Castelao poida quedar en Galicia.  "É unha obra moi importante que nós custodiamos e entendemos que pode ser interesante que os galegos de Galicia tamén disfruten dela", indicou. 

NEGOCIACIÓNS DE ROMÁN RODRÍGUEZ

De feito, foi o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o que insistiu na cesión desta peza na última viaxe que realizou ao país austral. E no informe que presentou contou, ademais, co apoio de destacadas personalidades como Rivas, Víctor Freixanes ou Luís González Tosar.

A obra de Castelao 'A derradeira leición do mestre', que custodia o Centro Galicia
A obra de Castelao 'A derradeira leición do mestre', que custodia o Centro Galicia | Fonte: xunta.gal

Por iso, o Centro Galicia decidiu dar o seu visto e praze a unha iniciativa que se enmarca, di, non seu traballo “a prol da defensa e da divulgación da identidade e a cultura de Galicia e da realidade dos seus cidadáns asentados en Arxentina”, como parte dunha comunidade máis ampla “que conforma unha Galicia Universal”. A súa cesión a Galicia ten provocado un debate sobre se a obra debe volver a Arxentina, logo do acontecido coa obra artística do Centro Gallego tras a intervención do Estado arxentino.

Actualmente, a obra está dispoñible para a visita ao público en xeral no propio centro, previa combinación de data coa institución, porque “é o mellor xeito de custodiala e velar pola súa seguridade e conservar o patrimonio cultural coa referencia ao seu tempo para achegalo ás xeracións futuras co seu valor intacto”.

O CADRO

Castelao pintou e doou esta obra de grandes dimensións especialmente para a conmemoración do noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda, realizado no Salón de Actos do Centro Orensano de Bos Aires o 17 de agosto de 1945. “Esa é unha das entidades que deron orixe ao Centro Galicia de Bos Aires e hoxe forma parte do seu patrimonio indiscutible", apunta o Centro Galicia.

A obra, xunto con outros elementos persoais de Castelao como a súa mesa de traballo, a súa máquina de escribir, unha  máscara mortuoria e outros documentos persoais poden verse no salón co seu nome que o Centro Galicia de Bos Aires ten no seu terceiro andar da Sede Social na capital arxentina.

ICONA

De feito, o Centro Galicia lembra que a pintura, convertida en icona dunha época e da loita do pobo galego pola liberdade e a democracia, é a orixinal feita a partir da estampa número seis do libro “Galicia Mártir”.  “O Centro Galicia de Bos Aires conserva dita obra como herdanza do patrimonio xerado na Galicia Ideal albiscada por Castelao para a memoria das galegas e galegos do mundo e como bandeira dunha identidade propia que, desde unha mirada poliédrica, inclúa a historia, a perspectiva e a realidade da diáspora que non da as costas ás súas orixes nin esquece os seus costumes, que os fai convivir e os incorpora aos das nación que os acollen”, sinala o Centro Galicia nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Eu mesmo

Xa no 2005 dicía os medios "El Centro Gallego de Buenos Aires recibe el 10% de sus recursos de subvenciones de la Xunta". E digo eu, despois de tirar alí cartos a manta, porqué non se pediu como mínimo a volta dunha obra coma esta, agora en risco de ir as mans de calquera coleccionista ou subasteiro?.

1 CXRB

Perdón, mais cómpre aclarar máis unha vez, que Centro Gallego e Centro Galicia (este último propietario da obra en cuestión) son entidades diferentes. Saúdos.