Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/01/2018 | Actualizada ás 14:25
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quixo despexar persoalmente as dúbidas xurdidas nos últimos días sobre a posibilidade de que o cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre” puidese quedar en Galicia. “Volverá a Arxentina porque iso foi o acordado e porque o contrario sería faltarlle ó respecto aos galegos que viven alí”, sinalou.
De feito, Román Rodríguez escolleu o programa “Con Vós”, do emigrante galego Ramón Suárez, 'O Muxo', para tentar acabar xa con esta polémica. “Vai ser unha viaxe con retorno porque sempre se acordou así. Sempre se deixou claro que era unha cesión temporal”, dixo. Unhas contundentes declaracións que teñen como obxectivo tranquilizar á comunidade galega na Arxentina e, sobre todo, poñer fin á especulación dos últimos días en distintos medios galegos. “Pode haber xente que quere que o cadro quede en Galicia pero ese é un debate menor. O importante é ver esta peza como parte da nosa historia e, sobre todo, mirar para o futuro”, engadiu.
“Este cadro, que é unha obra moi significativa da arte galega, foi pintado en Bos Aires e para estar en Bos Aires. Ten un propietario lexítimo, que é o Centro Galicia, que o conservou ata o momento, e así vai seguir sendo”, insistiu o conselleiro que, en todo caso, destacou que o cadro poida viaxar por primeira vez a Galicia. Por iso, agradeceu á directiva do Centro Galicia e ao seu presidente que se acadara ese acardo.
Ademais, Román Rodríguez insistíu que Galicia non só son as catro provincias “senón que Galicia tamén está en Bos Aires, na Habana, en Caracas, en todos os lugares onde hai que queren e se identifican coa súa cultura”. Por iso, suliñou que o cadro volverá a Arxentina porque “o contrario sería faltarlle o respecto aos galegos da Arxentina”. Con todo, o conselleiro tamén abriu outras portas. “Outra cousa é que se quixeran vendelo pois a Xunta estaría aí pero o máis importante é respectar a vontade dos propietarios lexítimos”, insistiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.