Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2018 | Actualizada ás 12:27
A necropsia realizada á lura xigante atopada viva en 2016 en Galicia revelou que o animal "mantivo unha loita cun exemplar máis grande da súa especie", posiblemente debido á competencia por peixes dun banco de lirio. Os resultados da necropsia sinalan que "o tamaño e a forma das ventosas suxiren que o animal mantivo unha loita cun exemplar máis grande da súa propia especie".
O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Grupo Ecobiomar do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo, publicou na revista Ecology os resultados da necropsia realizada á primeira lura xigante achada viva en Galicia e, por tanto, fóra das augas xaponesas, onde esta especie é abundante.
A necropsia realizouse en Luarca (Asturias) coa colaboración da Coordinadora para el Estudio y Protección de las Especies Marinas (Cepesma) unha semana despois do achado e empregando técnicas desenvolvidas polos investigadores de Ecobiomar. Estivo dirixida por Ángel Guerra, investigador ad honorem do CSIC no IIM, e experto en ecoloxía mariña.
"A lura, de 123 centímetros de lonxitude do manto e 105 quilos de peso, apareceu nadando o 7 de outubro de 2016 entre as embarcacións fondeadas nas proximidades do peirao de Bares, a uns 3 metros de profundidade. O animal, carente dos seus tentáculos, respiraba, desprazábase e cambiaba lixeiramente de coloración. Horas despois, varou nunha praia próxima", lembra o CSIC.
Un afeccionado que paseaba pola praia de Bares fotografou o exemplar aínda vivo, "un feito insólito no mundo que só ten un precedente nunhas imaxes obtidas hai dous anos en Xapón", lembra Guerra.
FEMIA INMATURA
"Co cadáver aínda moi fresco, realizouse unha inspección do cadáver, que puxo de manifesto que se trataba dunha femia inmatura, con numerosas marcas de ventosas e feridas alargadas na súa epidermis", explica Ángel González, outro dos autores da publicación.
Posteriormente, un equipo de investigación liderado polo CSIC, e con participación de Luís Laria e outros membros de Cepesma, acometeu unha necropsia máis detallada "co obxectivo de determinar cal era a orixe das súas marcas e feridas e cal podería ser a causa de que a lura, ferida, se achegase tanto á costa", indica o CSIC.
"O tamaño e a forma das ventosas suxire que o animal mantivo unha loita cun exemplar máis grande da súa propia especie. O escenario que cremos que se produciu foi a competencia entre dous exemplares de lura xigante por peixes dun banco de lirio, o seu principal alimento nesta época do ano.
Este comportamento de roubo dunha presa observouse até o momento soamente unha vez entre os cefalópodos, observación realizada en acuario", sinala Graham Pierce, o terceiro autor do traballo, quen destaca que "constitúe un achado relevante para o coñecemento da ecoloxía desta elusiva especie".
ARRASTRADA POR CORRENTES
En canto ao motivo que levou ao exemplar, malferido, a achegarse á costa, os científicos cren que "este, desorientado e coa súa capacidade de movemento minguada, puido ser arrastrado polas correntes a unha masa de auga cálida, que a arrastrou cara á costa", engaden os expertos.
Nas últimas décadas incrementouse "notablemente", destaca o CSIC, o coñecemento da bioloxía e ecoloxía da lura xigante, principalmente a través da necropsia realizada a exemplares. Na actualidade, o exemplar achado atópase no Parque de la Vida de Luarca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.