Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2018 | Actualizada ás 20:06
As tallas de madeira con destino industrial en Galicia supuxeron uns oito millóns de metros cúbicos de madeira, aproximadamente o que se corta en Reino Unido. E aquí, o eucalipto supón máis do 50% das tallas, mentres o piñeiro ao redor duns tres millóns. Con todo, as frondosas, caducifolias e outras especies só supoñen uns 300.000 metros cúbicos desas talas. Son datos de 2015 feitos públicos na comisión de estudo sobre incendios, que arrincou na tarde deste martes as súas comparecencias no Parlamento galego cunha chamada de expertos a defender un modelo forestal galego "sustentable" baseado na ordenación do monte, así como cunha negación da existencia dunha trama organizada.
Esta comisión, creada tras a vaga de incendios na que faleceron catro persoas en outubro e arrasou en Galicia máis de 49.000 hectáreas, contou na súa primeira xornada coas intervencións de Juan Picos, profesor de Silvicultura na Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, que falou en representación do Foro Económico de Galicia, así como con Venancio Salcines (Grupo Colmeiro), doutor en Ciencias Económicas e profesor titular de Mercados Financeiros na Universidade da Coruña.
Así, Juan Picos foi o primeiro en tomar a palabra dos preto de 65 comparecentes que terá esta comisión ao longo dos próximos meses para asegurar que non cre "nunha organización preparada" que provoque lumes. Considera que "hai moita intencionalidade, moita neglixencia", pero non pensa que "haxa ninguén que se poña de acordo aquí e en Portugal" para levar a cabo os incendios.
Durante a súa intervención, este representante do Foro Económico de Galicia centrouse na relación entre monte e industria para sinalar que o futuro pasa pola bioeconomía con actuacións "responsables", de forma que a madeira "vai ter que demostrar que é xestionada responsablemente".
CIFRAS
Picos expuxo que, segundo datos de 2015, as tallas de madeira con destino industrial supuxeron un oito millóns de metros cúbicos de madeira, é dicir, practicamente o mesmo que todo o que se corta en Reino Unido, representando o eucalipto máis do 50%.
Cada ano realízanse unhas 80.000 tallas de madeira —-uns 50.000 propietarios forestais venden a madeira anualmente—, que supoñen uns 300 millóns de euros para os propietarios, que a cadea transforma, a través de centos de empresas que chegan a decenas de mercados, até 1.000 millóns.
Deste xeito, a cadea forestal ten un peso do 1,8% do PIB galego, o que supón unha caída do 3,5% que representaba no ano 2000.
Na actualidade, dá lugar ao 1,3% do emprego total do país, pero trátase do 12% do industrial. Respecto diso, asegura que "a diversidade na transformación da madeira é a principal medida de estabilidade no sector", cunha aposta por novos materiais baseados na madeira.
Sobre o sector, Juan Picos lamenta o "déficit de información" existente, posto que se necesitan medicións máis exactas, xa que "non valen números xenéricos que se fan cada 10 anos".
Finalmente, defendeu que os montes veciñais son unha oportunidade de desenvolvemento no medio rural. Tamén se queixou de que "o maior incumprimento" do plan forestal de 1992 non foron só as hectáreas, que "son un resultado", senón que "se deixou de investir moito diñeiro" en diversas partes que o necesitaban.
POLÍGONOS AGRARIOS
A segunda intervención da tarde foi a de Venancio Salcines, que se centrou nunha aposta pola creación de polígonos agrarios, dado que "se necesita chan agrario e investimentos".
Sobre este extremo, avisa de que non se ten chan agrario para chegar a explotacións de 50 hectáreas e só se conta en Galicia con investidores de "curto prazo", que buscan "maximizar rendibilidade" no espazo máis curto posible, o que "leva ás especies de vida máis rápida".
Salcines ve os polígonos agrarios como algo "parecido" a unha carteira de investimentos, con produtos a curto, medio ou longo prazo, sempre cunha visión de rendibilidade financeira para garantir o seu mantemento. A modo de exemplo, expuxo que na Mariña lucense non hai incendios porque non hai montes abandonados sen rendibilidade.
En cambio, expuxo que en Galicia existen uns 1.000 montes veciñais abandonados, polo que un polígono agrario "podería ser a suma de cinco montes veciñais", cun proxecto "común", xa que "está claro que non poden camiñar en solitario" aqueles que non teñen actividade.
"Por que un alcalde pode facer unha cidade nova e un alcalde en Galicia non pode facer un bosque?", preguntouse este experto que acudiu en representación do Grupo Colmeiro antes de sinalar que o desenvolvemento do chan rústico está "como hai séculos".
Como peche, asegurou que se se lle esixe á xente ter montes limpos "xa é unha revolución", ao que se deben unir investimentos a longo prazo. "Se queremos cambiar Galicia o que temos que buscar para os galegos son novos intereses", afirmou Venancio Salcines.
VISIÓN DOS GRUPOS
No tocante aos grupos parlamentarios, José González (PPdeG) defendeu o "prestixio" dos comparecentes despois de que Paula Quinteiro (En Marea) se queixase de que esta comisión "nace fracasada" porque o plan de traballo que se aprobou non serve para afrontar os retos dun problema "multicausal".
Pola súa banda, Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) aplaudiu a asistencia de voces da sociedade civil na comisión, que "teñen máis valor" despois de que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, "non quixese vir".
Así mesmo, Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), criticou "a deriva" da Xunta na planificación forestal e considera que hai unha ordenación "pendente", á vez que lamentou que "sobran ideas e falta quen as materialicen".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.