Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2018 | Actualizada ás 11:02
O edil do Partido Popular no Concello de Dumbría, Manuel Barcia García, quedou a disposición xudicial na mañá deste xoves nos Xulgados de Corcubión logo de pasar a noite nos calabozos da Garda Civil de Carballo por unha denuncia de violencia de xénero presentada pola súa parella.
O empresario, que ostenta a única acta de concelleiro que o PP ten no consistorio do municipio da Costa da Morte, foi detido na mañá do pasado mércores por un presunto delito de violencia sobre a muller.
Manuel Barcia deu o salto á política en 2011, cando encabezou a lista do Partido Independente dos Empresarios de Dumbría (PIED), formación que se fixo cunha acta de edil nas eleccións locais dese mesmo ano.
O construtor, nacido en Santa Comba (A Coruña) en 1960, pasou ás filas do Partido Popular a finais de 2014 para substituír a Ramiro Iglesias Louzán despois da renuncia deste a repetir como candidato nas eleccións locais de 2015.
Deste xeito, Manuel Barcia encabezou a lista dos populares nos últimos comicios municipais, nos que tan só obtiveron un concelleiro polos dez do PSOE do alcalde, José Manuel Pequeño, converténdose así no único edil da oposición no consistorio de Dumbría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.