Xunta e embaixada española aínda non saben como preservar o patrimonio do Centro Gallego de Buenos Aires

O secretario xeral de Emigración di que se están mantendo "contactos institucionais continuos" para buscar unha solución que non chega e afirma que o propio presidente Alberto Núñez Feijóo estivo en contacto coas autoridades arxentinas. Asegura tamén que os galegos que reciben asistencia sanitaria alí non quedarán sen cobertura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia está a manter "contactos institucionais continuos" co Goberno de Arxentina e cos actores con representación para "salvagardar" o patrimonio cultural do Centro Galego de Bos Aires. Así o recoñceu o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, que respondeu deste xeito a unha pregunta formulada este mércores na Comisión Institucional pola deputada de En Marea, Ángeles Cuña, quen reclamou ao Executivo autonómico "vontade política" para garantir a "atención médica de calidade e protección do patrimonio".

Imaxe do Centro Gallego de Buenos Aires.
Imaxe do Centro Gallego de Buenos Aires.

Os socios do Centro Galego de Buenos Aires aprobaron en decembro pasado, en asemblea extraordinaria, aceptar a venda do edificio do centro e a cesión da xestión dos seus servizos sanitarios á empresa española Ribera de Salud, que fixera unha oferta de 42 millóns de euros para facerse co inmoble e comprometeuse a investir na súa modernización.

Sobre a situación actual, Miranda destacou que a Xunta recoñece o "valor" desta entidade que "non se limitou a traballar no ámbito sanitario". "Ao longo da súa historia foi incorporando un importante patrimonio cultural que é necesario para entender a propia historia de Galicia ou, polo menos, unha parte da historia que se foi construíndo no exterior en certos momentos nos que desde Galicia non era posible", manifestou.

Por este motivo, destacou que o Executivo autonómico mantén "contactos institucionais de forma continua", en coordinación coa embaixada de España en Arxentina, para "ter protexido e coidado ese patrimonio".

"Eu mesmo me reunín con todos os interventores designados a proposta do Goberno arxentino para manifestar o noso interese por colaborar en tarefas para acometer de forma adecuada ese fin", indicou antes de lembrar que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lle trasladou directamente este interese ao Estado arxentino.

Con todo, a finais de decembro o propio presidente Feijóo recoñecía que non tiña novidades sobre a situación do patrimonio do Centro Gallego e do futuro do propio edificio. "É o Goberno arxentino, a través do interventor, o que decidirá, no seu caso, a venda ou non”, dicía ao ser preguntado polas negociacións sobre o futuro da colección artística do Centro Gallego. Un conxunto de 161 obras que, tal e como publicou GC, están taxadas en 13.889.400 millóns de pesos –665.000 euros--. 

ASISTENCIA SANITARIA

Rodríguez Mirando explicou, ademais, que os donos deste centro son os "herdeiros das persoas que ao longo do tempo o foron conservando", os socios, que tomaron a decisión de "vender nunhas condicións que preservaban a protección do patrimonio e a coexistencia do centro galego como mutualidad".

"As empresas non estaban de acordo co proposta pero non houbo avances na negociación pero tampouco unha ruptura", precisou para deixar claro que un cambio de posición "debería pasar por outra asemblea" de socios, cuestión que "aínda non se produciu".

Ademais, neste punto, subliñou que os galegos que reciben asistencia sanitaria neste enclave non quedarían sen cobertura xa que, como lembrou, un convenio entre os gobernos español e arxentino garante a cobertura sanitaria a todos os emigrantes.

"É un sistema complementario ao público", explicou para sinalar que os beneficiarios deben abonar unha cantidade económica ao mes para recibir atención médica. E é que, como lembrou, este centro naceu en 1907 para cubrir as necesidades da sociedade porteña e, particularmente, dos emigrantes galegos na cidade.

SOLUCIÓNS E INCERTEZA

O certo é que, como puido saber este xornal, o acontecido coa colección artística do Centro Gallego, edificio embargado polo Goberno arxentino, abriu numerosas suspicacias dentro do colectivo de emigrantes neste país, onde se recoñeceron feridas tras a cesión temporal do cadro 'A derradeira leición do mestre', de Castelao, para a súa exposición na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Con todo, a Xunta asegurou que o convenio de cesión garante o regreso desta obra a Arxentina.

Un dos emigrantes máis mediáticos da Arxentina, Ramón Suárez, 'O Muxo', socio do Centro Gallego, e que conduce, ademais, o programa radiofónico 'Con Vós', era recentemente moi crítico co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e tamén co BNG, polo que está a acontecer no Centro e avisaba que as obras alí aloxadas non son da Xunta, nin da “Galicia territorial”, senón dos emigrantes.

Unha opinión que tamén comparte o presidente do Centro Galicia da capital arxentina —que ten máis de 9.000 socios—, José María Vila Alén. En declaracions a GC, insistiu en que as obras que están na emigración "son da emigración e forman parte da Galicia universal". "Entendendo que Galicia non só se limita ao seu territorio. Todo o que construíron e fixeron os emigrantes forma parte dese mundo da Galicia universal", destacou tamén recentemente a este xornal.

Entre as solucións que se propoñen desde o colectivo emigrante está que a Xunta cree unha fundación nos países nos que hai patrimonio cultural dos emigrantes para velar por el. "Que esa fundación merque as colecciós a prezo de tasación e, dese xeito, queden todas xuntas e protexidas", subliñaron fontes consultadas.

 

RECOLLIDA DE SINATURAS

Mentres, e á par, se puxo recentemente en marcha unha campaña de sinaturas na platadforma Change.org para garantir a súa supervivencia.

Esta iniciativa parte dun grupo de persoas preocupadas polo estado do edificio, así como do patrimonio que recolle. As sinaturas serán entragadas aos gobernos galego, arxentino e español.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta