Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2018 | Actualizada ás 14:51
O narcotraficante Laureano Oubiña ameaza con emprender accións legais contra a produtora da serie de televisión 'Fariña' —baseada no libro homónimo de Nacho Carretero— tras introducir unha escena de sexo entre o seu personaxe e o da súa muller, Esther Lago (xa falecida), no primeiro capítulo da ficción, emitido esta semana por Antena 3 aproveitando o pulo dado a esta obra polo secuestro xudicial do libro.
Segundo fontes próximas a Oubiña, o narcotraficante prevé enviar requirimentos "a semana que vén" á produtora, en concreto Bambú Producciones, para informar os responsables de que se reserva "as accións legais oportunas" pola "vulneración do dereito á imaxe e á intimidade".
Neste requirimento, engaden as mesmas fontes, informarase á produtora das posibles consecuencias sobre a "vulneración destes dereitos", como a posible solicitude dunha indemnización polos danos á imaxe do propio Oubiña.
"O señor Oubiña mostrábase, desde logo, moi afectado polas imaxes que saíron", aseguraron as fontes, entendendo que, cando unha produtora decide impulsar unha serie, "habería que contar" coas persoas sobre as que se fala e que aparecen "con nomes e apelidos".
A pesar diso e "por prudencia", as accións legais permanecerán en estudo, dado que a serie aínda non foi emitida na súa totalidade, aínda que o proceso podería levar a unha demanda pola vía civil e pola vulneración do dereito á imaxe e á intimidade, coa petición de indemnización correspondente.
As mesmas fontes sinalaron que tamén se prevé enviar requirimentos á editorial que publicou a obra homónima de Nacho Carretero, na que está baseada a propia serie, advertindo de que o libro "se está vendendo de forma abundante" a pesar das medidas cautelares solicitadas polo ex-alcalde do Grove (Pontevedra) José Alfredo Bea Gondar, quen demandou en xaneiro ao autor e a Libros del KO por suposta vulneración do seu dereito á honra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.