Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/03/2018 | Actualizada ás 10:43
Distintos activistas de amigos da Terra realizaron este xoves unha foto-acción que espallaron a través das redes sociais para demostrar que, a pesar das trabas da industria, as persoas consumidoras poden darlle segundas e máis vidas aos seus obxectos. Estas imaxes subiranse baixo o hashtag #SeMerecenUn10.
Era a súa aportación ao Día do Consumidor no que denunciaron a obsolescencia programada e apostaron pola reutilización, reparación e a alargascencia, un termo acuñado pola organización ecoloxista para denominar todas aquelas actividades que fan fronte á obsolescencia, a coñecida técnica de márketing para vender máis e máis produtos pouco duradeiros.
Unha prática, a obsolescencia, que segundo este grupo ecoloxita, “pon en risco os recursos naturais do planeta e que provoca unha contaminación contínua ocasionada polos múltiples residuos que xera”. Esta acción estivo enmarcada na campaña “Se Merecen un 10”, quere chamar a atención sobre a necesidade de reducir o IVE aos servizos de reparación, segunda man e aluguer, que achegan un valor social e ambiental á sociedade. Amigos da Terra xa recolleu preto de 4.000 firmas para apoiar esta proposta, que se enviará ao Ministerio de Facenda.
“O obxectivo da petición é fomentar estes servizos a través dun abaratamento dos mesmos, poñendo en valor a ampliación da vida útil dos produtos, e permitindo a máis usuarios acceder aos mesmos”, sinala María Durán, responsable de recursos naturais e residuos de Amigos da Terra. “Trátase de transformar o sector a través do consumo. Por tanto, canta máis demanda haxa, máis obrigada se verá a industria para cambiar as súas formas de fabricar e vender”, engadiu.
Este grupo ecoloxista considera que loitar contra a obsolescencia é “clave para acabar coa cultura de usar e tirar” e poñer couto a unhas prácticas que “poden supoñen arrasar con bosques para extraer recursos naturais de forma compulsiva” e xerar resíduos moi contaminantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.