Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2018 | Actualizada ás 20:37
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estrea este venres, día 23 de marzo, un novo sistema de lectura das autorizacións para acceder ao monumento natural da Praia das Catedrais, en Ribadeo (Lugo). Pero, con todo, segue sen resolver o pricipal problema deste ben natural, a súa protección ante a masificación.
Tal e como publicou GC, o areal de Augas Santas acabou converténdose nun dos reclamos turísticos máis importantes de Galicia, pero a masificación, o deterioro da contorna e as accións urbanísticas ameazan con estragar esta xoia da natureza de maneira irreversible. A demanda dunha actuación para o control de acceso e frear o deterioro do lugar pasa pola intervención das diferentes administracións, neste caso Xunta e Concello. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, aclarou que “non hai un plano consensuado coa Xunta”, aínda que o PXOM de Ribadeo, aprobado en decembro de 2014 “contempla a creación dun plano especial de actuación para toda a área de influencia do areal das Catedrais”.
A superficie que entraría dentro desta actuación serían 54 hectáreas. O plano especial sería desenvolvido polo Concello de Ribadeo e para iso adxudicáronse os traballos de elaboración a un grupo de traballo. No momento de redactar esta reportaxe, o proxecto estaba en exposición pública.
NOVO SISTEMA
Con todo, a Xunta aposta mellor por controlar a afluencia antes que aprobar un plan. Así, o persoal responsable dos novos controis disporá dunha nova aplicación para dispositivos móbiles que poderá ler os códigos 'QR' que levan incorporadas as autorizacións emitidas a través de Internet, segundo informou a Xunta.
Este sistema pretende reducir "de forma notable" o tempo de comprobación das credenciais para acceder á praia, xa que os controladores non terán que solicitar o DNI a cada visitante para facer o cotejo manual das autorizacións.
Así mesmo, a dixitalización do sistema tamén fará que se poida levar a conta de cantas persoas acceden ás Catedrais e contrastar este dato coas solicitudes enviadas. Ademais, durante esta semana Santa, como xa ocorreu o pasado ano, establecerase un servizo de apoio ao público integrado por catro guías, que se encargarán da verificación e xestión dos visitantes; outro catro que asumirán o control da zona de aparcadoiro e, por último, catro educadores ambientais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.