Por E.P. | Ribadeo | 01/04/2018 | Actualizada ás 13:55
A web oficial da Xunta de Galicia da praia das Catedrais, en Ribadeo (Lugo) segue concedendo autorizacións para a súa visita, mesmo este mesmo domingo, a pesar de que se informou de que o acceso está prohibido tras o falecemento este sábado dunha moza á que lle caeu unha pedra na cabeza cando paseaba por unha das covas do areal. Desta forma, na mañá deste domingo non se estaba permitindo acceder á praia e recoméndase pasear pola contorna, sen aproximarse ao cantil.
Pero a pesar de que se explicou desde a Xunta que estaba prohibido o acceso á praia e que así se indicaría na súa páxina web, aínda se podían obter autorizacións para acceder este mesmo día 1 de abril, sen que no momento da solicitude se informe que non se poderá baixar ao areal.
En todo caso, de momento a praia das Catedrais segue pechada, segundo confirmaron fontes municipais . A prohibición activouse despois de que ao redor das 15,00 horas deste sábado un desprendemento de pedra provocase a morte a unha moza de 25 anos de Valladolid. Durante este domingo estáaba previsto que técnicos realizasen unha inspección ocular para determinar o ocorrido.
En concreto, técnicos da Consellería de Medio Ambiente e axentes da Garda Civil serán os encargados de analizar o sucedido, segundo informaron a Europa Press fontes da Consellería.
REGULACIÓN VISITAS
A Xunta activou durante a Semana Santa de 2016 o Plan de Conservación da Praia das Catedrais, co que se empezou a limitar o acceso ao areal.
O programa regulador foi aprobado polo Goberno galego en xuño de 2015 e establece unha afluencia máxima de 4.812 persoas diarias en temporada alta, é dicir, tanto en Semana Santa como no verán, unha cifra que expertos consultados por Europa Press cualificaron de "excesiva".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.