SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2018 | Actualizada ás 15:20 por EUROPA PRESS
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "dea a cara" no conflito de xustiza, de forma que lle pide que cese ao vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, pola súa "incompetencia", e se poña á fronte el mesmo da negociación.
Após máis de 50 días de folga dos traballadores de xustiza, Pontón subliñou que é "tempo xa de esixirlle a Feijóo que asuma a responsabilidade neste conflito", pois considera que "terá que tomar cartas no asunto e porse á fronte da negociación", dado que "a única saída posible pasa polo diálogo" e "escoitar as demandas dos traballadores" cunha oferta que "cumpra coas expectativas".
Neste sentido, Pontón apunta que se Rueda e os directores xerais de Xustiza e Función Pública estivesen na empresa privada "estarían cesados fulminantemente" pola súa "incompetencia", "falta de cintura política" e "incapacidade para dialogar".
Así, carga contra a xestión "desastrosa" dese conflito, que a Xunta "enquistou", e é "incapaz" de pór sobre a mesa unha proposta "xusta".
Por iso, parécelle "impresentable que na administración pública a incompetencia non teña ningún tipo de penalización", xa que cre que "os responsables desta situación deberían estar cesados".
"Eu o que me pregunto é por que o señor Feijóo non pode cesar ao señor Rueda, que sería o lóxico", reflexiona Pontón, antes de censurar que o Goberno galego "faltoulle ao respecto aos traballadores e todos os galegos".
ADIAMENTO DE 17.000 XUÍZOS E 50.000 TRÁMITES
En rolda de prensa, Pontón criticou que "a chulería e a prepotencia" da Xunta "mantén como refén" á xustiza galega, o que "xa provocou o atraso duns 17.000 xuízos" e "50.000 trámites aprazados".
Deste xeito, considera "unha irresponsabilidade que a Xunta se levantase da mesa de negociación", mentres "se toman con moita calma" un conflito que "dura case xa dous meses".
Tamén reprocha que os responsables da Administración galega "seguiron unha estratexia de alargar o conflito pensando que desta forma ían desactivar a folga" e "a realidade" é que "fortaleceron" a unidade sindical. Todo iso, con "faltas de respecto continuas" por parte da Xunta, que tenta "criminalizar" aos traballadores.
Finalmente, a portavoz nacional do Bloque pediu aos dirixentes da Xunta que "non se levanten da mesa ata que atope unha solución".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.