Por Galicia Confidencial | Vigo | 23/04/2018 | Actualizada ás 14:45
Portugal ten sido nos últimos dous anos o principal fornecedor de pezas da industria automobilística galega. Un sector que vai en aumento grazas á planta de PSA-Citroën en Vigo. De feito, por mor da crise, moitas empresas galegas decidiron descolocarse e instalarse no norte do país veciño dadas as facilidades fiscais existentes e un mercado de traballo máis barato que en Galicia.
En Portugal foron creadas, a través de traslados ou por procesos de expansión, 240 empresas do sector de pezas para a industria automóbil, das cales 168 (70%), están localizadas no norte do país, principalmente en polígonos industriais de zonas fronteirizas, como o de Campos, en Vilanova da Cerveira.
Tal foi o aumento das emrpesas deste ramo que en 2007 xerou 7.700 millóns de euros en Portugal, segundo datos presentados pola Asociación de Fabricantes para a Industria Automóbil de Portugal(AFÍA). E o 25% desa cifra de exportacións foron para España, sendo Galicia o principal mercado luso no conxunto do estado. Só o sector do automóbil moveu máis de 2.000 millóns.
BAIXOS CUSTES E PROXIMIDADE
Os baixos custes e a proximidade xeográfica de Portugal permitiron que este país sexa agora o segundo maior punto de orixe de pezas e compoñentes automóbiles para Galicia. O pasado ano exportaron 159,4 millóns de euros en compoñentes para automóbiles. Unha cifra que só foi superada polos 2.548 millóns de euros de Francia, país de orixe do grupo PSA.
Esta emigración galega a Portugal no sector do automóbil comezou hai cinco anos. Boa parte da industria do sur de Galicia xira en torno ao grupo PSA-Citröen. E a relación co país veciño aumentou pola construción do Citroën K9, cuxas primeiras unidades estarán dispoñibles no verán. De feito, foi aumentando ata o 53% nos últimos dous anos.
MÁIS INCREMENTO
Se até agora Portugal contribuíu con cerca de 4% das pezas no lanzamento do K9, a nova aportación subirá ata un 25% para o vindeiro ano. Un incremeto da produción de compoñentes de vehículos en Portugal que tamén aumentará logo do anuncio das tres furgonetas que o grupo automobilístico presentou recentemente no Salón Automóbil de Xenebra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.