Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2018 | Actualizada ás 19:16
A secretaria xeral de Podemos Galicia e deputada de En Marea, Carmen Santos, encomiou a decisión adoptada polo que até o pasado venres era o seu número dous no partido e compañeiro no Pazo do Hórreo, Juan Merlo, que dimitiu de ambos os cargos ao coñecerse que mentiu no seu currículo; un caso, para Santos, diferente ao de Paula Quinteiro, a parlamentaria que se viu envolvida nun altercado coa policía e cuxa dimisión pide a dirección de En Marea e o seu portavoz, Luís Villares.
Carmen Santos valorou este luns o que considera un "xesto de honestidade" de Merlo ao anunciar a súa renuncia para "protexer o proxecto" e "non dar munición ao PP" nun momento no que Podemos reclama a dimisión da presidenta madrileña, Cristina Cifuentes, polas presuntas irregularidades cometidas para a obtención dun máster na Universidade Rei Juan Carlos.
O caso de Juan Merlo, en cuxo perfil parlamentario figuraba que era enxeñeiro sen obter a titulación, saíu á luz na mañá do pasado venres, día no que Carmen Santos mantiña unha reunión coa cúpula do partido a nivel estatal e os seus homólogos nas distintas comunidades para definir a proposta de Podemos para a reforma do modelo de financiamento autonómico.
A secretaria xeral de Podemos Galicia defendeu que non existiron "presións" por parte da dirección estatal para que Merlo presentase a súa renuncia nun momento no que na Comunidade de Madrid presionan a Ciudadanos para que apoie a moción de censura contra Cifuentes, cuxo caso, para Santos, é "diferente" ao do dimisionario galego porque a mandataria popular obtivo a súa titulación co "talonario".
"Ás veces hai que dar pasos inxustos para defender o que queremos", subliñou Santos, que asegura que non coñecía a situación do seu ex-número dous, que este luns se atopaba no lugar onde Podemos Galicia celebrou a rolda de prensa.
Nesta liña, remarcou que Merlo fixo "un sacrificio para non dar munición ao PP" e matizou que o seu caso non é equiparable ao de Paula Quinteiro. "Son casos distintos", apostilou, para logo confirmar que Merlo seguirá ligado ao partido como militante de base na súa cidade, Vigo.
CASO QUINTEIRO E PAPEL DE VILLARES
Carmen Santos volveu cargar contra a xestión do caso de Paula Quinteiro por parte de Luís Villares e reiterou que non está de acordo coa posibilidade de que a dirección de En Marea convoque unha consulta para preguntar ás persoas inscritas sobre a continuidade da tamén militante de Podemos Galicia.
"Seguimos pensando que non se debe celebrar esa consulta para derimir algo que debería estar pechado en 48 horas como máximo", aseverou, antes de remitirse ao acordado polo grupo parlamentario, que aprobou, coa abstención de Villares, a apertura dun expediente informativo que está a ser tramitado.
A continuación, preguntada polas declaracións de Luís Villares, que asegurou que o "veredicto" das bases sobre o caso de Quinteiro sería "inapelable" pois conforman o "tronco común" que comparten grupo e dirección política, Carmen Santos botou man dos "censos" actuais de En Marea para comparalos cos que escolleron as listas electorais das autonómicas de 2016.
"Nas primarias para as autonómicas participaron 10.100 persoas e nas dos órganos de dirección, 700 e pico. Dos 11.000 que había no censo para as primarias galegas, agora hai 2.000 e algo. Creo que iso son datos", sinalou, para logo lembrar que "en todo caso a decisión de dimitir é de Paula Quinteiro".
Durante as eleccións primarias para as candidaturas de En Marea nas eleccións autonómicas de setembro de 2016, o censo de Podemos Galicia e o de En Marea puideron participar no proceso que elixiu as listas do partido instrumental.
A continuación, Carmen Santos incidiu en que "non é o mesmo o censo que elixe os deputados que o que elixe á dirección". "A matemática é esmagadora. Sendo legalistas, e el (Villares) como bo xuíz é legalista, non é o mesmo 2.000 que 11.000 inscritos. Iso é así, haberá algunhas persoas que sexan as mesmas, pero faltan 9.000", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.