Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2018 | Actualizada ás 20:20
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, anunciou este mércores que Galicia contará con dúas novas aceleradoras de alta tecnoloxía especializadas nos sectores da automoción e a biotecnoloxía para apostar pola "innovación", o "talento" e a "creatividade" como "valores diferenciais" da nova industria.
A Xunta apuntou que a iniciativa, que conta cun orzamento de case 4 millóns de euros, está cofinanciada pola Fundación Incyde, a través dos fondos europeos Feder, cunha achega total de 2,6 millóns, tal e como se publicou este mércores no Boletín Oficial do Estado (BOE).
O primeiro dos proxectos anunciados polo conselleiro é a aceleradora BioIncubaTech, que ten como obxectivo a "incorporación de resultados de investigación" ás empresas do sector biotecnolóxico e a microempresas dos sectores da saúde e as tecnoloxías alimentarias.
Deste xeito, estará encamiñada á creación de micropemes de base tecnolóxica e spin offs, así como á "mellora da competitividade do tecido empresarial", a través da transferencia de tecnoloxía e ao acompañamento de empresas nos procesos de internacionalización.
Este proxecto estará liderado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, a asociación Uninova —Iniciativas Empresariais Innovadoras— e a Axencia Galega de Innovación (Gain), que achegará o 20% do orzamento.
Por outra banda, o conselleiro de Industria asegurou que a segunda aceleradora "fomentará a innovación" e a "transferencia de tecnoloxía" ás micropemes do sector da automoción, o que permitirá facer da aceleradora Business Factory Auto unha "infraestrutura máis completa". Contará coa colaboración do Consorcio Zona Franca de Vigo e o financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
INNOVACIÓN E CREATIVIDADE
Durante a súa intervención nunha xornada sobre o talento e a creatividade nas empresas organizada pola APD, Conde destacou a "importancia" de que as empresas "acheguen valor engadido a todo o que producen" a través da "innovación". Así, sinalou que "deben ser capaces de detectar necesidades nos clientes" e "satisfacelas de forma diferente a como o está facendo o mercado".
Así mesmo, o conselleiro de Economía explicou que na "economía global actual", na que a oferta é "moi ampla" e "moi homoxénea", existe a "necesidade de recorrer ao talento e á creatividade" para "ofrecer novos produtos e servizos verdadeiramente atractivos" ao consumidor.
Por iso, apuntou que os cambios que a tecnoloxía provoca na sociedade e na industria, así como a "rapidez" coa que se producen, "innovar non é cousa dun día, senón que debe ser un esforzo constante a longo prazo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.