Por Alberto Quian | Madrid | 22/04/2018 | Actualizada ás 22:00
É posible modificar os recordos de medo en humanos nun só día? Si. Como? Mediante o que se coñece como adestramento de extinción. E que é iso e como se fai?, preguntarase o lector. A resposta foi dada hai oito anos por Daniela Schiller, unha neurocientífica que viña xogando coa hipótese de que os recordos non son rastros físicos inmutables no cerebro, senón construcións maleables que se poden reconstruír cada vez que se lembran. Dito doutro xeito: cando evocamos (reactivamos) un recordo, ábrese unha xanela temporal na que é posible alterar ese recordo e facelo desaparecer mediante unha técnica de condicionamento chamada adestramento de extinción, que non é outra cousa que amestrar os nosos medos. A publicación dos resultados dos experimentos de Schiller e o seu equipo na revista Nature, en 2010, axitou a comunidade científica, impactada pola drástica reformulación de como funciona a memoria humana ao nivel máis básico.
Oito anos despois daquela extraordinaria contribución, novos experimentos iluminan un chisco máis o camiño cara ao borrado dos recordos que nos producen medos e que semellaban que se quedarían connosco para sempre. Os novos experimentos fixéronse no laboratorio do Grupo de investigación de Procesos Cognitivos e Conduta da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na Facultade de Psicoloxía. O seu obxectivo foi poñer a proba os efectos a curto prazo da extinción inmediata na redución do medo cando esta extinción está precedida por unha proba de recuperación dese recordo. Para entender isto —e antes de proseguer cos seus resultados— cómpre volver a Schiller.
Os resultados cos humanos indicaron que os recordos se reformulan e reescriben cada vez que lembramos un acontecemento.
PRIMEIROS EXPERIMENTOS CON RATAS E HUMANOS
Cando só era unha estudante posdoutoral na Universidade de Nova York, Schiller desenvolveu experimentos en humanos, canda outros compañeiros de facultade, baixo a hipótese de que podemos alterar o impacto emocional dun recordo engadindo nova información ao mesmo, ou lembrándoo nun contexto diferente. Antes, xa realizaran experimentos con ratas sobre o recordo de medo, con resultados sorprendentes.
Os resultados en humanos indicaron que os recordos se reformulan e reescriben cada vez que lembramos un acontecemento. A investigación tamén suxeriu que se se introduce información que mitigue o recordo dun acontecemento traumático ao pouco tempo de lembralo, esa experiencia emocional do recordo pode reescribirse. Pero como o fixeron?
Os científicos saben que co tempo as respostas emocionais a determinados estímulos poden disiparse cando se experimenta o mesmo evento traumático nun ambiente seguro.
Os científicos saben que co tempo as respostas emocionais a determinados estímulos poden disiparse cando a persoa experimenta o mesmo evento traumático nun ambiente seguro. Cando ocorre esa extinción, o recordo de medo queda suprimido, mais non totalmente borrado, polo que pode volver xurdir baixo certas condicións. O que quixeron comprobar Schiller e os seus compañeiros é se era posible bloquear permanentemente eses recordos.
Nos experimentos, os investigadores mostraban a un grupo de voluntarios un cadrado azul nunha pantalla de ordenador e inmediatamente arreábanlles un shock eléctrico, que se repetía cada vez que a mesma figura volvía aparecer na pantalla. Así conseguían instalar nos suxeitos o recordo de medo ao ver esa figura, sen necesidade de sufrir a descarga eléctrica. Ese cadrado azul sería xa un pesadelo para eles. Trátase do condicionamento clásico do medo. Aparentemente doado.
Un día despois, co medo xa consolidado, procedeuse á súa reactivación (reconsolidación), mostrando de novo, unha vez, o cadrado azul aos suxeitos para evocar neles o temor á descarga eléctrica. Os voluntarios foron logo sometidos a unha sesión de extinción, que consistiu en mostrar repetidamente a mesma figura, pero esta vez sen descargas eléctricas posteriores (presentacións de estímulos condicionados repetidos sen o estímulo incondicionado). A intención era rachar a asociación entre a figura e a descarga e incorporar esa nova información ao recordo. E conseguírono, pero non en todos os suxeitos. O recordo de medo desaparecera naqueles individuos nos que o adestramento de extinción se realizara dentro das seis horas posteriores á reactivación do recordo.
Os experimentos mostran que existe un período crítico de seis horas na activación dun recordo de medo no que este é modificable.
Cando o cadrado azul sen shock asociado se mostrou repetidamente nos 10 minutos seguintes á recuperación do recordo, os suxeitos reconsolidaron o recordo sen medo, pero cando se fixo máis tarde de seis horas, o recordo inicial creado, o do medo, persistiu. Isto suxire que existiría un período crítico de seis horas na activación dun recordo de medo no que este é modificable (máis aló dese tempo non sería posible modificalo).
Os suxeitos foron citados un ano despois no laboratorio para repetir as probas. Os científicos constataron que o medo asociado co recordo seguía bloqueado naqueles individuos nos que conseguiran bloquear lembranzas que infunden temor. E isto cambiou para sempre o enfoque científico sobre os recordos de medo.
Basicamente, o que fixeron Schiller e os seus compañeiros foi aplicar o condicionamento clásico de Pavlov, o seu famoso modelo estímulo-resposta ou aprendizaxe por asocacións. Lembran o experimento do can de Pavlov? O científico ruso decatárase de que o animal salivaba sempre que lle poñía a comida diante; entón, decidu facer soar unha campá cada vez que lle puña o alimento, de modo que o can foi asociando ese son coa comida; cando ese estímulo condicionado se fixou no seu recordo, o son da campá estimulaba sempre a salivación do animal (resposta condicionada), sen necesidade de que a comida estivese ante el. Aquel básico pero revolucionario experimento abriu o camiño do condutismo.
Tras os experimentos de Schiller —máis dun século despois de Pavlov—, os procedementos de extinción foron utilizados amplamente no estudo dos recordos do medo, pero hai correntes de oposición na comunidade científica que defenden que a extinción non logra eliminar a resposta ao medo. É agora onde volvemos a Galicia, á Facultade de Psicoloxía de Compostela, para ver que aconteceu alí.
Os científicos da Universidade de Santiago aplicaron o mesmo modelo que Schiller, usando un procedemento de extinción inmediato do recordo, pero neste caso nun só día.
NOVAS ACHEGAS DESDE GALICIA
No laboratorio do Grupo de investigación de Procesos Cognitivos e Conduta, estudantes de Psicoloxía e Neurociencia participaron voluntariamente como suxeitos de estudo nun experimento para poñer a proba os efectos a curto prazo da extinción inmediata na redución do medo cando esta extinción está precedida por unha proba de reactivación do recordo.
Os investigadores compararon os efectos a curto prazo da extinción inmediata estándar do recordo do medo coa extinción inmediata precedida por unha reactivación dese recordo. Partiron das hipóteses de que se a extinción inmediata en humanos é suficiente para a redución do medo, como se atopou nun estudo con ratas realizado por investigadores da Universidade de California en 2016, entón un esperaría unha redución do medo en ambas as condicións. Se ademais disto, tamén é necesaria a reactivación do recordo do medo, entón a súa redución só se observará cando a extinción inmediata vaia precedida dunha reactivación do recordo.
E que é a terapia estándar de extinción? Estudos previos aos de Schiller realizados en pacientes e animais mostraron que a terapia de extinción dun recordo funcionaba ata certo punto, pero os malos recordos reaparecían a miúdo. Os científicos preguntáronse que pasaría se o procedemento de extinción se puxese en marcha durante esas horas nas que se abre esa xanela temporal na que é posible alterar ese recordo —a xanela de reconsolidación—.
Nas probas con ratas ensinaron a estas a relacionar un ton musical cunha leve descarga eléctrica, de xeito que acabaron amedrentadas cada vez que escoitaban aquela melodía, sen necesidade de sufrir o shock eléctrico. Pero canto máis se repetía o ton sen a descarga, as ratas mostraban cada vez menos e menos medo. O recordo do medo diluíase ao perderse o estímulo. Esta é a coñecida como terapia estándar de extinción. Con todo, un mes despois ese medo ao ton regresou ás ratas, tan forte como antes.
Para facer o efecto permanente, refrescouse a memoria das descargas doutras ratas só unha vez, agardouse unha hora para que comezase a reconsolidación do recordo e logo repetiuse o ton unha e outra vez sen descargas. Os malos recordos desapareceron permanentemente. Porén, as ratas que recibiron a terapia de extinción despois de que se pechase a xanela de reconsolidación recaeron. O experimento foi liderado por Marie-H. Monfils, no mesmo laboratorio no que traballaba Schiller. Foi o paso previo á experimentación con humanos.
Décadas de estudos do comportamento confirmaran que a extinción non borra os recordos de medo condicionados clasicamente. Pero entre 2009 e 2010, Monfils e Schiller —cos seus experimentos paralelos e complementarios— revolucionaron a neurociencia.
Os resultados do laboratorio galego indican que a reactivación do recordo do medo mediante un estimulo condicionado, antes do procedemento de extinción, é máis efectiva.
No laboratorio de Santiago de Compostela, os investigadores seguiron un procedemento similar ao empregado por Schiller e os seus colegas para probar os efectos a curto prazo da reactivación do medo en humanos utilizando un procedemento de extinción inmediato. Pero neste caso se realizou nun só día e con ruído branco (sinal de son que contén todas as frecuencias e estas son da mesma potencia) como estímulo aversivo incondicionado.
Os resultados acadados no laboratorio galego indican que unha proba de reactivación do recordo do medo mediante un estimulo condicionado, antes do procedemento de extinción —despois da adquisición—, é máis efectiva na redución do medo que a extinción inmediata estándar.
Os participantes foron asignados aleatoriamente a dous grupos: un de reactivación dos recordos de medo, con 16 participantes (14 mulleres e 2 homes), e outro sen reactivación, con 15 participantes (12 mulleres e 3 homes). Neste caso utilizáronse tamén como estímulos condicionados figuras xeométricas presentadas no centro dunha pantalla de ordenador sobre un fondo negro. Como estímulo asociado a unha sensación desagradable usouse un cadrado amarelo de 10 × 10 centímetros, mentres que un cadrado azul coas mesmas características foi asociado coa ausencia de estímulo incondicionado. A presentación desas figuras en pantalla duraba en ambos os casos catro segundos. Como estímulo incondicionado utilizouse un estoupido de ruído branco de 0,5 segundos cunha intensidade de 105 dB, administrado a través de auriculares Senheisser HZR 62. O estímulo incondicionado (o estoupido de ruído) comezaba 0,5 segundos antes da finalización da presentación en pantalla do cadrado amarelo, finalizando simultaneamente. Os investigadores rexistraron a resposta electrodérmica dos suxeitos, é dicir, mediron nos suxeitos investigados os cambios na calor e a electricidade que transmiten os nervios e a suor a través da pel ante deterninados estímulos.
As probas realizáronse en varias fases, cun intervalo de aproximadamente cinco minutos entre cada unha: a fase de adquisición, na que se presentou o estímulo condicionado (o cadrado) xunto co estímulo aversivo incondicionado (o ruído); a de recuperación, na cal o primeiro grupo foi exposto ao mesmo estímulo condicionado, pero desta vez só, sen ruído, mentres que o segundo grupo pasou directamente á seguinte fase, a de extinción; neste terceiro paso, ao grupo de recuperación —logo dun descanso de 10 minutos no que se lles mostrou un vídeo de debuxos animados— se lle mostrou en varias ocasións, repetidamente, as figuras dos cadrados sen ruído, mentres que ao grupo sen recuperación se lle someteu directamente á extinción estándar, sen a previa exposición ao estímulo condicionado illado; por último, na fase de re-extinción, os participantes dos dous grupos foron expostos varias veces a todos os estímulos (cadrado amarelo asociado ao ruído e azul illado).
Estes traballos de laboratorio propoñen un enfoque natural, non farmacolóxico, para xestionar con eficacia as memorias emocionais.
Os resultados mostraron que, en ambos os grupos, o condicionamento do medo se obtivo na fase de adquisición. Unha vez que a fase de extinción terminou, ningún dos grupos mostrou medo como resposta á aparición do cadrado amarelo. Pero tamén mostraron que a extinción inmediata do recordo precedida por unha proba de recuperación (reactivación) foi máis efectiva na redución do medo a curto prazo que a extinción inmediata estándar, o cal suxire que a memoria do medo era máis maleable no primeiro caso.
Con todo, os científicos da USC recoñecen que os seus resultados deben ser tomados con precaución e aconsellan explorar a cuestión do momento óptimo despois da fase de adquisición para aplicar a extinción, e preguntar cal é o procedemento de extinción máis efectivo na prevención do retorno do medo. Ademais, consideran útil continuar avaliando como esta técnica afectaría a recuperación espontánea a longo prazo.
Os resultados deste estudo publícanse na revista Psychological Research nun artigo titulado 'Is it possible to modify fear memories in humans with extinction training within a single day?', asinado por Jaime Redondo, José Fernandez Rey e Daniel González González.
Estes traballos de laboratorio propoñen un enfoque natural, non farmacolóxico, para xestionar con eficacia as memorias emocionais e aspiran a ser aplicados como terapia eficaz contra a ansiedade ou o estrés postraumático, por exemplo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.