Por Santi Domínguez | Vigo | 28/02/2011
Mulleres como Ángela Iglesias Rebollar, executada xunto co seu marido en Teis por axudar aos fuxidos; como Rosario Hernández Diéguez, que vendía xornais na rúa Príncipe e foi asasinada con 16 anos. Mulleres como Carmen de Miguel Agra, que intentou fuxir de Vigo no barco “Eva” en 1937 xunto cos irmáns de Castelao e se suicidou antes de ser atrapada. Mulleres como Mercedes Núñez Tárrega, que combateu os nazis na Franza ocupada e foi deportada a un campo de concentración. Como Margarita Bilbatúa Zubeldia, que viu como eran fusilados tres irmáns dela por pertencer ao Partido Socialista. Mulleres como Urania Mella, feminista, filla do anarquista vigués Ricardo Mella, que estaría na cárcere en Gipúzkoa case ata pouco antes de morrer.
Hoxe, estas seis persoas dan nome a seis rúas de Vigo tras un acordo do pleno, a proposta do movemento feminista vigués e co impulso decidido dun goberno municipal comprometido coa recuperación da Memoria Histórica. Non se trata de reabrir feridas, senón de curalas definitivamente. No proxecto “Nomes e Voces” , no cal se basea esta exposición, documentáronse perto de 5.000 persoas asasinadas en Galiza entre 1936 e 1939, a maioría por vía extraxudicial. Coido que son datos importantes para contextualizar o que significou o réxime de Franco, unha ditadura fascista especialmente cruel e violenta, tanto en Galiza como no conxunto do Estado. A represión non só se limitou aos fusilamentos. Houbo moitas persoas que pasaron anos na cárcere, que se viron obrigadas a exiliarse, ou que perderon os seus traballos e tiveron que depender da axuda das familias e dos amigos.
No caso concreto das mulleres, engadiuse unha forma cruel de represión: as humillacións públicas, como o rapado dos cabelos. Cómpre saber que o franquismo foi un réxime especialmente machista: prohibiulle ás mulleres desempeñar determinadas profesións, obrigáballes a ter o permiso do marido ou do pai para ter unha conta bancaria, o que se combinaba coa implantación dunha moral tradicionalista que mantiña á muller nun papel subordinado. Durante a ditadura revertíronse todos os avances sociais e legais -divorcio, matrimonio civil- conseguidos durante o breve período de goberno republicano. Convídovos a todos e todas a asistir á exposición para coñecer mellor esta parte do noso pasado e evitar o esquecemento.