Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2018 | Actualizada ás 14:20
Académicas da Real Academia Galega (RAG) ven un "déficit" de mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas, aínda que subliñan o "cambio" dado pola institución galega para incorporar mulleres á mesma. Por outra banda, destacan, en declaracións a Europa Press, a maior presenza de mulleres en comparación coa Real Academia Española (RAE) ou a francesa.
Así o fai Marilar Aleixandre, unha das sete académicas numerarias da RAG, entre as que está pendente do seu ingreso Ana Romaní, que ocupará a cadeira deixada por Xohana Torres após o seu falecemento en setembro. Tamén incide en que constata "un cambio" o feito de que as últimas catro incorporacións á RAG -ela entre estas- sexan mulleres". "Isto non ocorreu nunca", engade.
No entanto, remarca, para argumentar que aínda quedan pasos que dar, o feito de que cando tome posesión a xornalista Ana Romaní, serán "sete de 30". A pesar diso, insiste en que "nos últimos anos haxa -na institución- persoas que teñen a sensibilidade", de incorporar mulleres á RAG.
Por outra banda, vincula a menor relación de académicas en comparación cos homes cuns "mecanismos de exclusión social". Respecto diso, cre que seguen influíndo "os lazos de amizade" para incorporar antes a un home que a unha muller en determinados postos de responsabilidade en distintos ámbitos. "Isto é unha cuestión social", recalca.
LETRAS GALEGAS
Así, sobre os homenaxeados no Día das Letras Galegas, subliña que, desde o ano 1973, a escritora María Victoria Moreno -elixida para a celebración deste ano- é "a cuarta" muller escollida. Aínda así, destaca iniciativas como o feito de que a RAG inclúa no seu dicionario termos como "fermoso e fermosa ou amigo e amiga". "Isto é xa un recoñecemento", apunta.
"Está a facerse, pero queda moito máis por facer", apunta, á súa vez, a tamén académica numeraria Fina Casalderrey ao ser preguntada pola presenza da muller na RAG. "A cultura estivo e segue estando masculinizada", engade tamén ao lembrar que moitas mulleres foron "silenciadas" durante anos a pesar da súa actividade cultural.
"Van 56 conmemoracións do Día das Letras Galegas e María Victoria é a cuarta muller", coincide con Marilar Aleixandre. Con todo, considera "unha boa noticia" que a persona elixida este ano sexa unha muller e asegura que isto forma parte da política que está a levar a cabo nestes momentos a institución "de comunicarse cada vez máis co resto de galegos e galegas".
No entanto, precisa que tampouco chegan á Academia "moitas propostas de mulleres" para o Día das Letras Galegas. Para corrixir esta situación, insiste en establecer un "fío de comunicación" coa sociedade para "descubrir a esas mulleres silenciadas".
COMPARACIÓN CON OUTRAS INSTITUCIÓNS
"Non serei eu quen diga que é suficiente", sostén, á súa vez, a académica Rosario Álvarez ao ser preguntada pola incorporación das mulleres á RAG ou na lista de homenaxeadas. "Estamos en franca minoría", apunta como Marilar Aleixandre ao comparar o número de homes e mulleres.
De todos os xeitos, lembra as últimas incorporacións de mulleres. "E se o comparamos con outras institucións, a situación é mellor". Como exemplo, lembra que a primeira muller en ter acceso á RAG como membro de número foi a escritora Francisca Herrera Garrido no ano 1945, aínda que non puido tomar posesión ao falecer antes.
"A primeira muller na academia francesa data do ano 80", compara. En relación ao Día das Letras Galegas, admite un "déficit" en relación ao número de homenaxeadas respecto dos homenaxeados, pero congratúlase tamén da elección para este ano de María Victoria Moreno, que foi profesora súa.
SEN COTAS
Desde a RAG -na que ás académicas numerarias súmanse tres académicas de número históricas, outras tres de "honra", a última Marina Mayoral en 2017, seis académicas de honra históricas, outras 14 "académicas correspondentes" e 46 "históricas"- destacan, mentres, que as dúas últimas comisións executivas teñen "unha composición de xénero paritaria, dúas mulleres e tres homes".
Sobre esta cuestión, o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, subliña que a presenza da muller en distintos ámbitos deu un paso "xigantesco" nos últimos anos. "Iso é un feito social que hai que converter en normal", apostila.
Para iso, reivindica o papel de toda a sociedade á hora de enviar as súas propostas para o Día das Letras Galegas. "Houbo unha época na que case era por escalafón", lembra sobre o sistema de elección Freixanes, para quen hai que ser capaces de alternar "uns e outros -en alusión a homes e mulleres" en función dos seus méritos-.
"Non se trata de andar con cotas, senón primar positivamente", defende. Respecto diso, lembra que "as últimas académicas correspondentes que entraron foron mulleres", mentres incide en que a RAG é "unha institución democrática na que se discuten as cousas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.