Por Galicia Confidencial | Viana do Castelo | 06/05/2018 | Actualizada ás 22:00
O alcalde de Viana do Castelo quere crear neste concello que está a 20 quilómetros da Guarda un gran cluster do automóbil de Galicia e do Norte de Portugal. Unha propsota que xa lle trasladou ao Ministerio da Economía portuguesa para converter a rexión do Alto Minho portugués no gran polo automobilístico do noroeste da península.
O alcalde xustificou a creación deste cluster no feito de que nos últimos anos esta rexión está a atraer numerosas empresas galegas do sector automóbil que fornecen de material a marcas como a Peugeot e Citroën. "Estas empresas constitúen unha gran forza empregadora e exportadora. Sería interesante crear unha asociación das mesmas para atraer máis investigación e desenvolvemento para o territorio", suliñou.
A idea do autarca portugués vai en sintonía coa manifestada tamén por empresarios da rexión que ven na emigración de empresas galegas a Portugal unha gran oportunidade para crear no norte de Portugal o gran polo da automoción de todo o noroeste da Península Ibérica. A prosposta tamén recolle máis investimento por parte de Lisboa e tamén unha reformulación da formación profesional e dos cursos superiores dos Institutos Politécnicos para que se especialicen nesta área de actividade industrial.
DESLOCALIZACIÓN DAS EMPRESAS GALEGAS
Empresarios e rexedores do Alto Minho cren que este cluster axudaría a crear aínda máis emprego e atraer a novas empresas galegas con novos incentivos fiscais. De feito, nos últimos anos, especialmente nos anos duros da críse, renaceu a industria automobilística en Portugal grazas ás deslocalizacións das empresas galegas que se instalan en zonas fronteirizas. De feito, a compra e a fabricación de compoñentes para automóbiles, principalmente para PSA, aumentou un 53% no país veciños.
En Portugal foron creadas, a través de traslados ou por procesos de expansión, 240 empresas do sector de pezas para a industria automóbil, das cales 168 (70%), están localizadas no norte do país, principalmente en polígonos industriais de zonas fronteirizas, como o de Campos, en Vilanova da Cerveira.
Tal foi o aumento das empresas deste ramo que en 2007 xerou 7.700 millóns de euros en Portugal, segundo datos presentados pola Asociación de Fabricantes para a Industria Automóbil de Portugal(AFÍA). E o 25% desa cifra de exportacións foron para España, sendo Galicia o principal mercado luso no conxunto do estado. Só o sector do automóbil moveu máis de 2.000 millóns.
BAIXOS CUSTES E PROXIMIDADE
Os baixos custes e a proximidade xeográfica de Portugal permitiron que este país sexa agora o segundo maior punto de orixe de pezas e compoñentes automóbiles para Galicia. O pasado ano exportaron 159,4 millóns de euros en compoñentes para automóbiles. Unha cifra que só foi superada polos 2.548 millóns de euros de Francia, país de orixe do grupo PSA.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.