Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2018 | Actualizada ás 13:54
A cervexería ourensá O Moucho acollerá o 14, 15 e 16 de maio o evento internacional 'Pint of Science', que supón a fusión da ciencia e os bares. Será a primeira vez que a cita, celebrada en máis de 50 cidades de 21 países de todo o mundo, chega a Ourense.
O evento 'Pint of Science' reúne en tres días seis charlas científicas de relatores ourensáns ou relacionados coa cidade, xa sexa por ter en Ourense o seu lugar de traballo ou estudar nalgún centro de ensino da provincia anteriormente.
Entre relatorio e relatorio, o público gozará de sorteos e diferentes actividades transversais para amenizar o ambiente. Desta maneira, segundo afirma un dos catro coordinadores do evento en Ourense, Dosi Veiga, conséguese levar a ciencia a lugares menos habituais e máis desenfadados.
O evento internacional 'Pint of Science' naceu en Reino Unido no ano 2012. Uns investigadores decidiron contar nun bar no que adoitaban tomar cervexa os seus proxectos científicos e, así, comprobaron que a idea podía resultar interesante para o resto de clientes.
O seu nome procede do termo inglés 'pint' ('pinta'). Co xogo de palabras, os seus creadores exemplificaron o transfondo do evento en cuestión: pódese tomar unha cervexa á vez que se fala de ciencia.
Tras varios anos de expansión por todo o mundo, esta cita xa se celebra en 21 países. En Galicia, as cidades que este ano organizan o 'Pint of Science' son Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
Dosi Veiga recoñece que unha das razóns que o levou a porse á fronte da organización é a súa paixón pola ciencia. "Eu estudei Física nos meus tempos novos, aínda que nunca a exercín, levo desde hai 20 anos realizando traballos relacionados e asistindo a encontros", destaca Veiga.
"Este evento prepárase para que científicos que están en activo destaquen en que están a centrar a súa investigación; a cervexa ou a consumición que se tome é a escusa simpática para charlar sobre un tema tan pouco relacionados cos bares e achegar a ciencia a unha contorna lúdica", sinala Veiga.
O obxectivo final do evento, segundo apunta Veiga, é comunicar á sociedade que a ciencia "non é algo que se realiza en laboratorios e allea á sociedade, senón todo o contrario". "Que mellor lugar que unha contorna lúdica como un bar cos teus amigos para que alguén nos explique algo de ciencia, que dá máis conversación que o fútbol e a política", asegura.
O PAPEL DOS RELATORES
Nesta primeira edición do 'Pint of Science', os relatorios confirmados para o primeiro día son 'De todo o visible e invisible', que correrá a cargo de Humberto Michinel Álvarez, e 'Explorando o baleiro', de Daniele Tommasini, ambos, investigadores da Universidade de Vigo.
Na segunda xornada, Martiño Xosé Vázquez Mato, tamén da Universidade de Vigo, abordará o relatorio 'Xogando con lume 2.500 anos despois', e David Calviño Freire falará sobre videoxogos con 'Eu tamén viciaba ao Age of Empires'.
Na última data, Julio Rodríguez López, da Universidade de Santiago de Compostela, resolverá a cuestión 'Somos todos xenios?' e Elena Vázquez Cendón, tamén da Universidade de Santiago, falará sobre 'Matemáticas que moven a auga, o gas e o sangue'.
"Os relatores son uns valentes, un bar non é o sitio máis cómodo para que un científico en activo divulgue a súa información. Hai que agradecerlles que se prestasen", recoñece Dosi Veiga.
"Esperamos que veña bastante público ao tratarse dun evento mundial, non dedicamos moito á publicidade local, pero cremos que hai xente esperando que se celebre este evento en Ourense", engade Dosi Veiga.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.