Os Mestre Mateo recoñecen co seu Premio de Honra o labor "pioneiro" da script Encarna Alonso

Destacan o seu papel como "técnica pioneira" cuxa labor, tras case corenta anos dedicándose á industria audiovisual, foi "determinante para o nacemento do audiovisual galego sobre os alicerces da profesionalidade e da excelencia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2025 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

A Academia Galega do Audiovisual entregará este ano o Premio de Honra Fernando Rey, no marco dos Mestre Mateo, á script Encarna Alonso, unha "técnica pioneira" cuxa labor, tras case corenta anos dedicándose á industria audiovisual, foi "determinante para o nacemento do audiovisual galego sobre os alicerces da profesionalidade e da excelencia". Así se deu a coñecer este martes nun acto na Cidade da Cultura, onde participou o conselleiro de Cultura, José López Campos, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, e a vogal da Academia, tamén script, Alba Galego.

Despois de que o conselleiro desvelase o nome da premiada, Alba Galego destacou que este galardón recae en Encarna Alonso, ademais de polo seu labor pioneiro, por "ser un referente e abrir camiño á incorporación da muller a unha industria en constante evolución cara á igualdade", así como "pola xenerosidade coa que compartiu a súa profesionalidade a través da docencia e o seu compromiso coa divulgación do oficio de script, deixando unha pegada indeleble nas seguintes xeracións e contribuíndo á profesionalización do audiovisual galego".

PREMIOS MESTRE MATEO

O premio de honra Fernando Rey entregarase o próximo 15 de marzo durante a gala dos Mestre Mateo, que terá lugar na localidade pontevedresa de Lalín. Este ano, os principais galardóns do audiovisual galego cumpren a súa edición número 23, polo que están "plenamente consolidados no panorama cultural galego", tal e como puxo de relevancia o conselleiro de cultura. José López Campos destacou que o audiovisual é, precisamente, "un dos sectores que máis impulso está a ter a día de hoxe en Galicia" e o que "mellor está a situar" á comunidade "a nivel internacional". "Creo que non me equivoco se digo que o sector audiovisual en Galicia está a pasar por un momento extraordinario", engadiu o conselleiro, con "éxitos a nivel nacional e internacional".

Os Mestre Mateo recoñecen co seu Premio de Honra o labor 'pioneiro' da script Encarna Alonso
Os Mestre Mateo recoñecen co seu Premio de Honra o labor 'pioneiro' da script Encarna Alonso | Fonte: XUNTA

Por este motivo, López Campos puxo en valor o apoio da Xunta a este sector, a disposición do que pon este ano "máis de seis millóns de euros en investimentos en axudas directas" a todas as fases da creación audiovisual. "Estamos a facer un esforzo importante para construír, para situar a Galicia como un gran escenario para utilizar o audiovisual para visualizar todo o noso potencial tanto a nivel cultural como paisaxístico", engadiu. Ademais do seu traballo en favor do sector, José López agradeceu á Academia a elección de Lalín, "unha localidade do interior de Galicia", para esta 23 edición dos Mestre Mateo, "moi en liña coa lei de Cultura Inclusiva", na que se busca "descentralizar parte da xestión cultural das grandes cidades" para "levala tamén a outras partes do territorio".

ENCARNA ALONSO

Nada en La Ercina (León), pero residente na Coruña desde os setenta, o seu primeiro traballo foi na serie 'Lendas', dirixida por Carlos Amil para Voz TV e emitida pola TVG. Para televisión traballou tamén en series como 'Mareas vivas', 'Nada é para sempre' e 'Pratos combinados'. En cinema empezou con 'Sempre Xonxa', de Chano Piñeiro, e traballou en longametraxes dirixidas por Carlos Amil, Xavier Villaverde, Patricia Herrera, Alfonso Zarauza, Jorge Coira, Daniel Calparsoro, Ramón Costafreda, Anxo da Cruz, Gerardo Ferreiro e Héctor Carré, entre outros moitos directores. Encarna Alonso acumula máis de sesenta traballos como script, máis de vinte longametraxes, numerosas curtametraxes e preto de cincocentos episodios de televisión. Ademais, tamén dedicou tempo á docencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta