Por BGG | GC ABERTO | 18/05/2018
Porque non nos enganemos, facerlle o discurso ao PP non é pedir lexitimamente responsabilidades a quen comete un erro. Non facelo, non asumir responsabilidades, defender a alguén só “porque é dos nosos”, poñer o particular por riba do interese xeral iso si é facerlle o discurso ao PP. Actitudes como as de Paula Quinteiro reforzan ese discurso de clase, de clase política, ese “todos son iguais”, no que tan cómoda se sinte a dereita.
Paula Quinteiro pensa que polos 348 votos polos que saíu elixida nas primarias de En Marea ten carta branca mesmo para deslexitimar ás persoas inscritas coa súa insistencia en afirmar que non aceptará o resultado da consulta, sendo as inscritas quen a puxeron onde está, o que da razón dunha pauta por parte da deputada de non querer aceptar ningún mandato das inscritas. Porque a Paula Quinteiro as inscritas, o proxecto... non lle importan NADA:
Ela afirma que non foi ao último plenario de En Marea por razóns políticas. Tódolos/as deputados/as, por mandato estatutario, deben acudir a eles. Eis a primeira mostra de que a Paula Quinteiro lle importa máis estar de “comilona” bebendo cos colegas, ríndose de insultos machistas proferidos contra compañeiros/as e inscritos/as que estar traballando por sacar adiante o proxecto e botar ao PP das institucións. Afirman ser as que practican a ética dos coidados, do apoio mutuo e a confianza, da solidaridade... En concreto, a solidaridade Paula Quinteiro débea aplicar noutros espazos, xa que, ao contrario doutros/as deputados/as, do seu soldo, a En Marea non doa nada.
Paula Quinteiro fártase de denunciar indefensión nos medios, de por trabas a unha consulta que a Comisión de Garantías da por lexítima, de manifestar que non vai dimitir, que fará caso omiso ao resultado da consulta…. O que resulta moi curioso:
Paula Quinteiro foi escoitada polo Consello. A minoría dos afíns á deputada, trataron de parar a consulta, sementando dúbidas sobre ela en todo momento. Resulta curioso porque esas mesmas persoas teñen voz e voto nos órganos colexiados de En Marea aos que pertencen. Neses órganos, tomadas as decisións polas maiorías, deben respectarse, niso consiste a democracia, pero hai quen inda non o ten claro.
Resulta moi curioso cómo para algunhas persoas, os regulamentos de En Marea teñen validez e hai que cumprilos (ou non) en función dos seus intereses.
Agora, nun novo intento de facer ruído e desgastar, falan da consulta como un “revogatorio encuberto”, curioso tamén, xa que o revogatorio sería decidido polas bases, polas mesmas persoas que van votar na consulta, esa consulta que non considera lexítima para solicitar a súa dimisión.
É acaído aquí sinalar que En Marea é un espazo que nace da mobilización social, dese 15M indignado cuns/has políticos/as que toman decisións sen consultar coa cidadanía. Resulta cando menos paradóxico que agora unha minoría (contrastada varias veces nas votacións das inscritas), diga que a opinión dos políticos está por riba da das bases que din defender.
Por iso na consulta que se propón, ás bases xogámonos perder a esencia e o sentido do espazo, xogámonos acabar sendo como un partido tradicional máis, no que os “xefes”, os que “manexan o barco” mandan e as bases acatan, e con iso, xogámonos a viabilidade de todo o proxecto político de cambio social co que nace o propio espazo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.