Por Moncho Mariño | Santiago | 28/05/2018 | Actualizada ás 14:00
Que son os nanomedicamentos?
Os nanomedicamentos son basicamente nanopartículas que teñen no seu interior os fármacos, as moléculas activas. A nanopartícula o que fai é levar o fármaco ao lugar de acción. Isto permite que esa substancia poda superar todas as barreiras biolóxicas que atopa desde a administración ata que deixa o seu efecto na diana terapéutica.
Como se elabora un nanomedicamento?
Existen moitas técnicas dentro da nanotecnoloxía. Nós usamos biomateriais e a partir deles temos nanopartículas co medicamento pechado no seu interior. Pero son técnicas que non por ser nanotecnoloxía teñen que ser complexas, senón que nós tentamos que a nanotecnoloxía sexa o máis simple posible. Isto pensando en que se pode ser aplicable dentro da industria farmacéutica, poda ser escalable, poda aumentar a súa escala dentro desa industria. A farmacéutica quere tecnoloxías o máis simples posible. Non por ser nanotecnoloxía ten que ser complicado, nós usamos técnicas baseadas en procedementos de emulsificación ou de autoagregación.
"Tentamos que a nanotecnoloxía sexa o máis simple posible"
Como se introduce o nanomedicamento e como se guía cara a zona afectada?
Iso xa depende da patoloxía. O medicamento vai ser administrado segundo esa patoloxía. O tipo de barreiras biolóxicas que enfronta o fármaco son distintas, así se administra por vía oral ou mediante inxección. O que está claro é que o fármaco sexa administrado por una vía ou por outra, vai dar con diferentes obstáculos para chegar a súa diana. Como o fai? Basicamente a nanopartícula protexe o fármaco da súa degradación e vaino conducindo cara as células diana, mesmo facilita a súa internalización dentro das células.
Iso é porque o material da nanoparticula é artificial?
O material pode ser tanto natural como artificial. Nós usamos material natural comomaterial sintético. O feito de ser natural ou artificial non importa moito, importa que sexa biodegradable e biocompatible.
"O material do nanomedicamento importa que sexa biodegradable"
Cales son as principais doenzas que poden tratarse con esta técnica?
Basicamente non hai límites. A nanotecnoloxía vai ser desexable para os fármacos máis complexos. Se un fármaco non vai ter problemas en realizar o seu cometido entón, para que usar nanotecnoloxía? Pero hai outros medicamentos comercializados que non funcionan moi ben, como poden ser os tratamentos contra o cancro. Non hai dúbida que podemos mellorar as terapias actuais aumentando a súa eficacia e ademais serían menos tóxicas. Neste caso é preciso usar nanotecnoloxía porque o material xenético dá con moitas barreiras o que impide a chegada rápida do medicamento. Aí sería preciso un vehículo nanotransportador. No caso do cancro, a terapia é necesaria cando tumor é maligno.
Con outras doenzas como a SIDA ou a hepatite sería posible aplicar estas técnicas?
Aquí aplicamos vaccinas. A nanotecnoloxía permite mellorar a administración de vaccinas como vehículos arquivantes. Isto é, dirixen o antíxeno cara o sistema inmune. Así temos unha resposta máis firme.
"Non hai dúbida que poderiamos mellorar as terapias actuais e serían menos tóxicas"
Cal é o estado da investigación en nanotecnoloxía dentro de Galicia?
En Galicia hai un grande número de investigadores neste campo. Tense convertido nun terreo multidisciplinar, polo que temos investigadores e investigadoras dos campos da bioloxía, da química ou da fisica entre outros. Podo dicir que o nivel de investigación tanto nos laboratorios como en hospitais é moi importante.
Que importancia ten para vostede impartir conferencias como a que dará no Ateneo Compostelán?
Doulle moita importancia ás conferencias porque considero que tanto os estudantes como o público xeral, comprenda o valor das investigacións que facemos. Que vexan que en España se están facendo traballos moi importantes para a nosa sociedade. Así poderán ver que non só nos grandes países é onde se fan investigacións deste tipo, senón que aquí tamén aínda que con recursos máis limitados. Pero o nivel dos investigadores en España é moi alto se o comparamos cos recursos.
Nunca se lle presentou ningún tipo de problema ético no momento de aplicar este sistema de nanotecnoloxía nunha persoa?
O certo é que non, porque falamos de medicamentos. Podería haber prexuízos Persoais de determinada xente o de determinados colectivos. Pero o certo é que Medicamentos tardan moito en desenvolverse, mesmo décadas, porque os estudos e os controis dende o punto de vista regulamentario, pasan por catro puntos ata que son colocados no mercado. Por iso digo que pasan moitos anos antes da comercialización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.