Afirmar a diplomacia galega no Mundo

Os galegos e galegas, que totalizan máis de tres millóns, se incluímos os milleiros de emigrantes e os seus descendentes espallados por centos de vilas e cidades dos distintos continentes, son a máis importante e eficaz fonte de inserción de Galicia no mundo e, simultaneamente, de territorialización do mundo globalizado nas comunidades locais de onde partiron.

Por Óscar Lomba | Vigo | 07/06/2018

Comparte esta noticia
Opino que, Galicia debería ser –xunto con Catalunya– pioneira e dar pasos efectivos para impulsar e tecer unha rede de embaixadas e consulados nos diferentes países nos que existen galegos e galegas, e opino que os nosos dirixentes políticos deberían valorar e recoñecer o esforzo dos nosos emigrantes na defensa e afirmación de Galicia no mundo, e para reforzar e ampliar ese esforzo colectivo sería necesario impulsar unha auténtica rede diplomática e consular galega.
 
Esta prioridade de afirmación política, económica e cultural de Galicia a escala internacional implicaría a creación de equipos diplomáticos e a cualificación dos recursos humanos necesarios para poder configurar eses servizos consulares propios, en termos tecnolóxicos e de persoal. Dadas as actuais limitacións orzamentarias debemos ser realistas e programar ese futuro despregue de misións consulares de maneira progresiva, gradual pero sostida. Esa é a primeira prioridade da política de xestión de recursos humanos nunha consellería de nova creación dedicada á política europea e ás relacións internacionais.
 
Doutra banda, debería establecerse un diálogo áxil, activo e continuado cos países de acollemento con miras a demostrar a dimensión internacional da lingua galega e o seu carácter esencial como factor de integración cívica e política dos galegos e galegas. A lingua galega é internacional, unha lingua integradora que serve como ferramenta do humanismo, da cooperación e da paz, e, como tal, debe ser integrada nos sistemas de ensino daqueles países como lingua viva e aberta a todos cantos a desexen aprender, sexan ou non de orixe galega.
 
Por outra banda, está o traballo de diálogo desas futuras embaixadas de Galicia e entidades consulares cos centros galegos e agrupacións de emigrantes e tamén coas autoridades políticas locais, co obxectivo de desenvolver condicións que faciliten o proceso de integración e participación cidadá dos galegos neses lugares. Neste ámbito, a mobilización deses servizos consulares da Xunta de Galicia contribuirían a consolidar o inmenso mundo asociativo desas comunidades de emigrantes, tanto na súa dimensión sociocultural, como na económica e política. A identificación e o diálogo coas redes dos máis novos emigrantes; o desenvolvemento e o apoio a iniciativas fiscais para fomentar a redistribución de recursos e a igualdade real nesas comunidades; o incentivo ás campañas de divulgación, sensibilización e información da cidadanía galega no exterior para a defensa dos seus dereitos e asunción de deberes cívicos e políticos, sen ignorar as funcións de vinculación emocional e identitaria, de solidariedade social, de convivencia, de lecer e tempo libre ou de soporte a calquera decisión colectiva de importancia.
 
Para rematar, paréceme necesario impulsar unha ampla rede de gabinetes de apoio ao emigrante. Opino que os nosos compatriotas deben sentirse arroupados e por iso sería moi necesario impulsar esa rede de plataformas de cooperación entre os distintos municipios de Galicia coordinados por esa nova conselleria de asuntos internacionais que vehiculice as relacións deses municipios de Galicia coa emigración galaica asentada en centos de cidades e vilas de todo o planeta. E para que serviría esa conexión de municipios galegos e estranxeiros? Serviría para consolidar a conexión social, cultural e empresarial entre a poboación na emigración e os seus territorios de orixe. Outra idea sería que eses municipios conectados se dotasen de capacidade para detectar en Galicia e no exterior unha capilaridade de inversores e emprendedores na diáspora, con apoio e intervención das institucións públicas galegas, axudando a potenciar o esforzo de diálogo e cooperación entre os distintos colectivos de galegos e galegas esparexidas polo mundo.
   

'Despedida de emigrantes' (A Coruña, 1956)
'Despedida de emigrantes' (A Coruña, 1956) | Fonte: Manuel Ferrol
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.