Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2018 | Actualizada ás 10:20
O presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA) reuniuse este venres con José Manuel Baltar para explorar novos proxectos conxuntos. Tamén estivo presente a secretaria da institución FAGRA, Lorena Lores Doural, e o titular do PEN Galicia, Luis González Tosar. Así, Baltar renovou o compromiso da provincia co Museo da Emigración Galega en Arxentina (MEGA) para apostar pola dixitalización do arquivo histórico que deixou a emigración no país suramericano.
Por outra banda, Baltar e Martínez mostraron o seu interese en que o MEGA estreite lazos co Museo Galego da Emigración, que proxectan inaugurar no Pazo de Vilamarín e que, deste xeito, ambos podan nutrirse e fomentar o intercambio de material e a xestión de iniciativas en común.
Ambas institucións colaboraron xa no pasado e materializaron un convenio que permitiu a dixitalización do patrimonio que deixou o Casa Ourensá de Bos Aires, do que formaron parte algúns dos intelectuais galegos máis destacados coma Castelao. Así como tamén permitiu a publicación "El Orensano", un xornal quinquenal publicado entre novembro de 1944 e decembro de 1945. O xornal estaba editado a partes iguais en galego e en castelán, e nel colaboraron algúns dos líderes do galeguismo e o republicanismo.
NOVA VIDA PARA BLANCO AMOR
Un dos puntos máis destacados da reunión foi o acordo coa nova Fundación Blanco Amor, que procura conservar e difundir a obra do escritor e impulsar a investigación, catalogación e conservación da súa figura. Esta iniciativa permitirá a creación dun novo volume do escritor ourensán e a reedición do libro "Escritos políticos de Eduardo Blanco Amor (1923-1946)", publicado pola Editorial Alborada e realizado polos historiadores Xosé M. Núñez Seixas y Hernán M. Díaz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.