Alfonso Rueda nega que a Xunta estea detrás das "presións" aos sindicalistas

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, asegurou este venres que as denuncias por supostas coaccións a sindicalistas da xustiza non tiñan que ver co goberno de Galicia. Ademáis, considerou que Luís Villares estaba na "deriva política".

Por E.P. | VIGO | 22/06/2018 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, asegurou este venres que as denuncias por supostas coaccións a varios representantes de sindicatos da administración de xustiza "non teñen que ver en absoluto coa Xunta de Galicia", e negou "presións" desde o ámbito político nese sentido.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios | Fonte: Europa Press

Así o manifestou, antes de participar nun acto en Vigo, e en resposta ás críticas dos sindicatos STAJ, CIG e CUT, que este xoves compareceron en rolda de prensa para acusar ao goberno galego e ao propio Rueda de estar detrás desas denuncias e de exercer a "represión" pola súa posición durante a folga na xustiza.

"Son os mesmos que durante toda a folga apuntábanme a min directamente, e agora que terminou, e que non se resolveu ao seu favor, saen con isto", afirmou Alfonso Rueda, quen proclamou que as denuncias que levarán a varios representantes sindicais a declarar como investigados por coacción "non teñen que ver en absoluto coa Xunta de Galicia", senón que partiron dos propios funcionarios e doutros sindicalistas.

No entanto, o vicepresidente galego mantivo que "vendo as escenas do día das votacións (sobre o acordo para pór fin ao paro), as coaccións parecían bastante evidentes". "Agora, se hai procedementos xudiciais iniciados, será a Xustiza a que teña que determinalo", concluíu.

Por outra banda, afeou a presenza, na rolda de prensa deses sindicatos, de representantes do BNG e de En Marea. En concreto, sinalou, no caso de Luís Villares (que antes de ser deputado exercía como xuíz) que "dicir que os procedementos iniciados responden a presións políticas ou coaccións retrátanlle aínda máis nesta deriva política que ninguén entende".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta