Os cans, como os seres humanos, mudan o seu xeito de comer segundo o seu estado emocional

Un estudo feito por investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza indica por primeira vez que os cánidos tamén teñen unha alimentación emocional.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/06/2018 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

A alimentación emocional, ou os cambios no comportamento alimentario debido a emocións negativas, demostrouse en humanos e roedores, pero non en cans. Agora, un equipo de investigadores do Departamento de Patoloxía Animal da Universidad de Zaragoza e do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da Universidade de Santiago de Compostela,  estudou as percepcións dos propietarios sobre a presenza de alimentación emocional nos seus cánidos, como unha primeira aproximación para investigar este fenómeno nos cans de compañía.

Cans alimentándose.
Cans alimentándose.

Os autores da investigación atoparon que padecer unha enfermidade ou problemas de conduta, ou ser considerado un can infeliz, se relacionou coa percepción dos donos de que os seus cans comen emocionalmente.

O estudo mostra que unha gran parte dos donos percibe que os seus cans presentan alimentación emocional ou un cambio na inxesta de alimentos en resposta á tensión ou estados emocionais (negativos).

A alta alimentación emocional relacionouse con ser un can dependente e infeliz, así como con non comer durante a ausencia do dono

A gran maioría dos 1.099 enquisados —898, (81.7%)— percibiron que o seu can mostrou unha alimentación emocional nalgún nivel de intensidade. As puntuacións máximas asociáronse con problemas de saúde nos cans, coa conciencia dos propietarios do peso ideal do seu can e con hábitos de alimentación particulares, incluíndo alimentar o can exclusivamente con comida caseira, unha vez ao día, e dar extras como recompensa pola obediencia.

Ademais, a alta alimentación emocional percibida polo dono relacionouse con ser un can dependente e infeliz, así como con non comer durante a ausencia do dono. Doutra banda, ser un can tranquilo, non ter medo doutros cans e non mostrar agresividade asociouse coa ausencia dunha alimentación emocional percibida polo dono nos cans estudados.

Estes resultados, apuntan os investigadores, xustifican unha maior exploración da alimentación emocional en cans en relación coa obesidade e os problemas de conduta. Agora propoñen que investigacións futuras se centren no desenvolvemento de medicións máis precisas da alimentación emocional en cans, así como as medidas fisiolóxicas destes patróns de comportamento.

O estudo publicouse recentemente na revista científica Journal of Veterinary Behavior, co título 'Emotional eating in companion dogs: owners’ perception and relation with feeding habits, eating behavior and emotional state'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta