A tartaruga Antares queda libre despois de ser recuperada media morta dun aparello de pesca en 2017

Será soltada para que volva ás augas do Caribe. Agora ten 71 centímetros e pesa 24 quilos.

Por E.P. | VIGO | 25/06/2018 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), situado na Illa de Arousa (Pontevedra), despide este martes á tartaruga bautizada como Antares, achada en decembro de 2017 nun aparello de pesca, para proceder á súa liberación despois de culminar a última fase da súa recuperación.

Tartaruga Antares, achada en 2017 nun aparello de pesca
Tartaruga Antares, achada en 2017 nun aparello de pesca | Fonte: Europa Press

A tartaruga apareceu o 6 de decembro de 2017 no aparello de pesca dunha embarcación que faenaba preto da Illa Coelleira, no Vicedo. De alí, foi trasladada á UCI da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) de Nigrán, para a súa estabilización e atención das "consecuencias leves" que sufriu na súa captura.

Alí tivo unha evolución favorable, e posteriormente, dado que en Galicia non hai instalacións con auga mariña e temperatura ambiental axeitadas para ela --xa que é unha especie propia do Caribe--, o animal foi trasladado a L'Oceanografic de Valencia, onde proseguiu a súa recuperación.

Unha vez que recobrou o seu aspecto, condicións de saúde, mobilidade, peso e alimentación, foi levada ao Igafa para a última fase do seu tratamento e adaptación ás condicións mariñas onde, despois de tres semanas, vai ser liberada para continuar o seu camiño cara augas do Caribe. A tartaruga ten 71 centímetros e pesa 24 quilos.

A Xunta destacou que esta acción forma parte da colaboración que mantén desde 2013 coa Cemma, para a recuperación de mamíferos mariños e outras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos. Pola súa banda, desde 2013 o Igafa participou na recuperación de oito exemplares de lobo mariño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta