Por E.P. | VIGO | 28/06/2018 | Actualizada ás 12:51
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), defendeu este xoves un modelo político no que "se adopten as solucións que Galicia necesita e non as que estean de moda", e rexeitou, entre outras posicións, a "vacua consigna do independentismo importada de Cataluña".
Así o proclamou o rexedor pontevedrés durante a súa intervención nun almorzo coloquio organizado por Forum Europa en Vigo, no que foi presentado polo avogado Nemesio Barxa, e ao que asistiron, entre outros, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; varios alcaldes e concelleiros nacionalistas da provincia; empresarios; e representantes de colectivos.
O alcalde de Pontevedra apostou por un modelo para Galicia no que as políticas "se axusten ás necesidades previsibles", fronte a actuacións "sobredimensionadas" que supoñen "malgastar recursos públicos". A ese respecto, sinalou que hai "suficiente intelixencia colectiva" en Galicia para tomar decisións adecuadas, "pero isto require aprender de todo o mundo", e non aplicar o "mimetismo" ou "solucións importadas".
Nese aspecto, Fernández Lores renegou do "europeismo acrítico", da "totémica remunicipalización" cuxa viabilidade legal "ninguén demostrou", ou da "vacua consigna do independentismo importada de Cataluña". "Se nos dedicamos a copiar solucións de forma acrítica, demostraremos que non temos fe na capacidade de Galicia", sentenciou.
FUTURO DO BNG
Paralelamente ao futuro de Galicia, o alcalde de Pontevedra referiuse ao futuro do BNG, unha formación que, nos últimos tempos, "deu un cambio radical" para "centrar a súa mensaxe, e preocuparse de si mesma e non doutros". "Está a recobrar o pulso e creo que non hai alternativa ao BNG", proclamou.
A ese respecto, sinalou que a elección de Ana Pontón foi unha "decisión estratéxica" e "acertada", que contrapuxo a outras posibles eleccións "máis tacticistas" que serían "un erro estratéxico descomunal". Ademais, expresou o seu desexo de que a formación nacionalista avance "evitando cantos de sere, o tacticismo ramplón e o ideoloxismo principista".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.