Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/07/2018 | Actualizada ás 14:00
Os xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo incorreron en sensacionalismo na cobertura da gran vaga de incendios que calcinou case 50.000 hectáreas e causou catro mortos en outubro de 2017, ao ofrecer detalles da vida privada das vítimas. Así o conclúe un estudo publicado na Revista Estudos em Comunicação, asinado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidad Internacional de La Rioja, titulado 'La cobertura periodística de los incendios de Galicia y Portugal de octubre de 2017: un análisis de la información de emergencia de diarios portugueses, españoles y gallegos'.
O estudo analiza o tratamento informativo de seis diarios portugueses, galegos e españois durante os días da crise para descubrir o nivel de cumprimento das recomendacións que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fixo na súa Guía práctica para o tratamento informativo de emerxencias, catástrofes e persoas desaparecidas, e no Decálogo de recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe. Os investigadores analizaron as novas publicadas nos xornais Público, Jornal de Notícias, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, El País e El Mundo. A maioría cumpriron boa parte destas recomendacións. "Con todo, incorren en certas formas de sensacionalismo informativo e non inclúen, polo xeral, fontes científicas que poderían mellorar a contextualización dos feitos", destacan Marta Pérez Pereiro, María Ángeles Chaparro Dominguez e Jesús Díaz del Campo Lozano, autores do estudo.
"La Voz de Galicia e Faro de Vigo incorren no sensacionalismo ao ofrecer máis detalles da vida privada dos falecidos como o número de fillos ou mesmo onde veraneaban as vítimas".
É na difusión de datos privados irrelevantes sobre as vítimas onde os investigadores comprobaron que os dous xornais galegos —La Voz e Faro— incumpren as normas éticas. En xeral, no conxunto de medios analizados, observaron "dúas liñas de actuación ben diferenciadas". Por unha banda, a liña que seguiron Público, Jornal de Notícias, El País e El Mundo, "consistente en ofrecer datos moi xenéricos, limitándose a sinalar o número de falecidos e, nalgunhas ocasións, idade e lugar".
"A outra cara da moeda represéntana La Voz de Galicia e Faro de Vigo, que si incorren no sensacionalismo ao ofrecer máis detalles da vida privada dos falecidos como o número de fillos ou mesmo onde veraneaban as vítima", censuran os autores da investigación.
Ademais, destacan que nestes casos, as fontes utilizadas por este medios "adoitan ser veciños dos falecidos, mentres que nun dos casos nos que cabe a posibilidade de que sexan fontes oficiais, nin sequera queda confirmado na noticia, por canto se menciona o 061 pero non se lle atribúen os datos de maneira clara", engaden.
Afondando aínda máis nesta eiva ética, os investigadores reitreran que as noticias publicadas en La Voz e Faro sobre as vítimas mortais dos incendios ofrecían "datos que se poderían considerar irrelevantes e que só inciden na espectacularización dos feitos".
Os xornais coruñés e vigués tamén erraron no uso e publicación de vídeos gravados por testemuñas. Neste apartado, o Colexio Profesional de Xornalistas establece que este material debe ser previamente editado polo medio co fin de seleccionar só o contido informativo; non se poden publicar os vídeos íntegros, sen editar nin eliminar os comentarios de ambiente.
Neste apartado, La Voz e Faro tampouco cumpriron a boa práctica. Así, póñense como exemplos algúns vídeos de testemuñas dos incendios publicados por La Voz nos que non se indica a autoría exacta (só aparece “cedido/s”), colócanse rótulos ao comezo explicando o que se ve e non se eliminan os comentarios do ambiente
Tamén se sinala a Faro de Vigo, que usou vídeos de testemuñas que non sempre editou como debería, xa que non adoita eliminar o son ambiente.
O estudo salienta o uso dunha linguaxe efectista, chea de datos morbosos e de adxectivos e lugares comúns para dramatizar aínda máis os sucesos.
A non utilización por parte do medio dunha linguaxe efectista foi a recomendación que menos seguiron os seis medios analizados. Unicamente Público e El País seguiron este criterio, que apunta a prescindir de datos superfluos e morbosos e a eliminar adxectivos e lugares comúns que contribúan a dramatizar o acontecemento.
"O resto de diarios recorreron con frecuencia a estes lugares comúns" nos que os investigadores observaron o uso recorrente de termos como “inferno” (“Unha noite no inferno”, La Voz de Galicia; ou “Inferno galego” ou “Inferno en chamas”, Faro de Vigo) apareceron con bastante frecuencia. Na mesma liña sitúanse palabras ou expresións como “pesadelo negro”, “dantesca”, “desgarradoras historias” (todas elas en La Voz de Galicia) ou “apocalipse” (en El Mundo). Así mesmo, aínda que non se contemple nas recomendacións do Colexio, os autores do estudo salientan o uso da expresión “terrorismo incendiario”, que aparece nun titular do diario El Mundo, aínda que entrecomiña a expresión, que atribúe ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó.
Das once directrices que indica o Colexio de Xornalistas para a cobertura de catástrofes, El País, El Mundo e Faro de Vigo cumpriron oito, mentres que no caso de La Voz de Galicia foron sete.
Os investigadores identificaron o ensacionalismo como "un problema xeral que afecta o tratamento por parte dos medios de ambos os países, por medio dunha linguaxe efectista e polo uso de material de lectores que non adoita verificarse nin achega información, senón só emocións, que non convén destacar nunha situación de tensión", conclúen os autores.
No estudo lémbrase que "a necesidade de cubrir a crise de forma rápida e atractiva para os lectores, co perigo de caer no sensacionalismo, foi o motivo polo cal o Colexio de Xornalistas de Galicia emitiu o 16 de outubro un comunicado pedindo «extremar ou coidado á hora de cubrir os lumes que arrasan Galicia»", no que se incluíu unha guía e un decálogo para o tratamento informativo de catástrofes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.