Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/07/2018 | Actualizada ás 17:03
O Eixo Atlántico quere lembrarlle ao presidente que no 2017 se lle remitiu unha carta na que se pedía que negociase co goberno central a continuación do saída sur de Vigo, que quedou paralizada ao chegar á estación de Urzaiz. E faino cando a próxima semana o presidente da Xunta se vai reunir co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e dado o "interese que Núñez Feijóo demostrou pola conexión Vigo-Porto na súa recente viaxe a Portugal", indican.
OS BENEFICIOS DA SAÍDA SUR
Segundo a secretaría xeral, esa saída sur suporá, non só un aforro de tempo para evitar todo o rodeo que o tren dá polo actual acceso a Vigo desde Tui, senón tamén o aforro aos pasaxeitos da Coruña de cruzar toda cidade para cambiar de tren . A saída sur permitirá, así mesmo, o acceso dos trens Alvia español ou Alfa pendular portugués grazas á nova electrificación necesaria. Por último, solucionará o problema histórico do Porriño, reconvertendo a actual liña nunha de tranvía ou metro-tren menos agresiva, que permita conectar Vigo cunha parte da súa área metropolitana onde se sitúan os principais polígonos empresariais.
"Isto retiraría tráfico da autovía A-55", asegura o Eixo Atlántico. Así mesmo, recorda que "o tantas veces anunciado túnel de Tameiga nunca pasou de ser unha promesa electoral". Iso "a pesar de que se anunciou en 2001 que o proxecto estaría redactado ese mesmo ano, a obra comezaría en 2002 e estaría finalizada no 2003. Posteriormente, en 2015 a ministra Ana Pastor anunciou publicamente a tramitación dun proxecto para un trazado alternativo que incluía o citado túnel".
CARTA SEN RESPOSTA
O Eixo Atlántico comenta que nunca tiveron resposta a esa carta enviada ao presidente. Desta maneira, "ao non ver representada a defensa dos intereses de Galicia nesta materia na relación institucional entre o presidente da Xunta e o ministro de Fomento, optamos por xestionar nós directamente estes aspectos". Levan falado, pois, tanto co anterior secretario de estado Julio Gómez Pomar, como coa entón directora xeral e actual presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e con comisarios e altos responsables comunitarios na parte europea.
Na actualidade están pendentes de reunirse cos novos responsables de Fomento, "pero xa que a reunión institucional do presidente da Xunta co presidente do Goberno é inminente, queremos reiterarlle ao responsable do Goberno galego a nosa solicitude de xaneiro do 2017 para que poña sobre a mesa o inicio inmediato das obras da saída sur de Vigo", reitera o Eixo Atlántico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.