Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/07/2018 | Actualizada ás 08:30
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e Afonso Eiré, presidente da fundación A Nosa Terra, asinaron este xoves á mañá un acordo para dixitalizar e difundir o fondo histórico de A nosa terra: periódico galego semanal, un dos medios fundamentais para comprender a transición e os inicios da autonomía galega.
O acordo entre as dúas entidades prevé a cesión provisional do fondo da Fundación A Nosa Terra para a dixitalización e a súa posta a disposición pública e gratuíta a través do web do Consello da Cultura Galega. O semanario A nosa terra: periódico galego semanal iniciou a súa andaina o dous de decembro de 1977 e rematou en 2011, cubrindo cun estilo xornalístico singular a actualidade política, económica, social e cultural de Galicia a través de contidos de longo alento.
Para Rosario Álvarez, presidenta do CCG, “o noso pasado máis recente é unha parte moi importante do patrimonio cultural. A produción xornalística das últimas décadas que acompañou á Autonomía é un patrimonio que podemos conservar e preservar. Non só para os investigadores actuais senón tamén para xeracións futuras”. Segundo Alfonso Eiré, presidente da Fundación A nosa terra, “o semanario supuxo un xeito novo de facer xornalismo e tratar temas que ata o momento eran marxinais na prensa, coma os sociais, o ecoloxismo, o feminismo, o traballo ou os deportes. Neste periodo prodúcense moitos cambios sociais e políticos e cuestións que continúan ata hoxe, como a recuperación da memoria
histórica”.
Os fondos iranse incorporando gradualmente no web do CCG. Polo de agora, xa están dispoñibles para a súa consulta os primeiros 26 números.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.