A Xunta rescindirá o contrato coa UTE de transporte da Mariña

As empresas de transporte Morán e Rodríguez, integrantes da unión empresarial, non volverán ser contratadas por este servizo.

Por Galicia Confidencial | A Mariña | 24/07/2018 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia


A Xunta de Galicia rescindirá o contrato coa unión temporal de empresas (UTE) que forman Morán e Rodríguez Domínguez, polo que se encargaba do transporte público por autobús entre A Mariña Lucense e distintos puntos de Galicia. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, sinalou este martes tras un encontro coa patronal e os sindicatos, que as empresas incumpriron varias cláusulas do acordo e racharon as normas fixadas no plan de transporte público de Galicia.

Parada de autobús
Parada de autobús

Vázquez indicou que Morán e Rodríguez contan “con dúas sentencias do social” respecto a este asunto e que, ante a existencia de “tres traballadores non subrogados”, a situación tornouse “inadmisible”. Así, a conselleira comunicou que ningunha das dúas empresas poderán volver a ser contratadas para este servizo durante un tempo determinado, que dictará a xunta consultiva da administración autonómica.

Vázquez mostrou a súa “preocupación” pola situación das liñas da Mariña, a Xunta adiantou “os pasos a seguir” para “cubrir as necesidades” dos cidadáns. A partir de agora ábrese unha segunda fase para “definir novos contratos”, establecer xuntanzas cos concellos e realizar enquisas a centros de saúde, administrativos e parques empresariais, entre outras institucións, para coñecer “as necesidades reais destes tempos” e adaptar horarios e liñas.

PRIMEIRA FASE

A implantación da primeira fase do plan de transporte público provocou un conflito con representantes dos traballadores e das firmas hai un ano, coa convocatoria dunha folga e numerosas incidencias. Vázquez reivindicou que o acordo, pactado con UXT e CC. OO., “deu continuidade aos máis de 500 traballadores que estaban en risco” como consecuencia das renuncias de determinadas empresas a prestar o servizo.

Segundo a consellería, os resultados tradúcense en “5 millóns de desprazamentos, a reducción das tarifas nun 80 por cento e a maior cobertura territorial”. Con este plan, sinalou a titular de Infraestruturas e Vivenda, “Galicia conta con máis de 800 liñas, 5.000 paradas e 41 contratos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta