Arxentina fala e vive en galego co "Mes da Galeguidade"

A Gala do Día de Galicia, impulsada pola Federación de Asociacións Galegas na Arxentina, volveu situar na cima a cultura galega en chan arxentino colgando o cartel de "completo". Reivindica coidar o patrimonio e as institucións.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/07/2018 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

A intensa choiva non evitou que o Teatro Bambalinas da Federación, no barrio porteño de San Telmo, se enchera de xente para gozar dunha gala dirixida integramente en lingua galega e na que o clamor popular repetía os xa habituais "vivas" a Galicia. E, así, o chan arxentino volvía encumbrar a cultura galega, celebrando a Gala do Día de Galicia e poñendo a guinda á exitosa segunda edición do "Mes da Galeguidade".

O grupo 'Estróupele' sobre o escenario
O grupo 'Estróupele' sobre o escenario | Fonte: Cedida

Este "Mes da Galeguidade" consistiu nun ciclo de actividades impulsadas pola  Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA) e coorganizadas xunto á Asociación Tuy Salceda de Buenos Aires con motivo do Día da Patria Galega, que se celebra cada 25 de xullo. 

No seu discurso, o presidente da Federación de Asociacións Galegas, Diego Martínez Duro, agradeceu a gran concorrencia e o éxito que tivo, sábado tras sábado, o "Mes da Galeguidade". Un mes no que os arxentinos puideron desfrutar dos grupos infantís de danza galega, cantareiros e corais da colectividade. Entre as actividades programadas, destacou a actuación do grupo de baile "Estróupele".

COIDAR AS INSTITUCIÓNS

"Temos que coidar o noso patrimonio e o de todas as nosas institucións, pois é moi importante o que nos deixaron os nosos antepasados. Hoxe tócame a min, mañá tócalle a outro (dirixir e coidar), pero as institucións deben seguir", dixo o presidente en alusión a casos como o do Centro Galego de Buenos Aires que leva anos inmerso nun proceso de notable deterioración onde periga a asistencia sanitaria aos socios e o inmenso patrimonio cultural que encerra unha das entidades crave da diáspora galega.

Martínez Duro agradeceu tamén a presenza de autoridades como o flamante presidente da Federación de Sociedades Españolas de Arxentina, Benito Branco, así como o Deputado da Cidade (mandato cumprido) e titular do ABC do Partido de Corcubión, Carlos Ameijeiras; entre outros. O dirixente da FAGRA fixo extensivo o agradecemento da casa a todos os conxuntos participantes nesta especie de "tolemia" que naceu ao abeiro dunha sobremesa nun banquete institucional, e coa ilusión de facer un mes enteiro de actividades para exaltar a cultura e idiosincrasia de Galicia en Buenos Aires e homenaxear aos emigrantes na súa "quinta provincia".

O outro impulsor do proxecto foi Horacio Saltarelli, presidente da Asociación Tuy Salceda de Buenos Aires, a quen Martínez Duro convidou a subir ao escenario e fixo entrega da distinción outorgada en 2017 pola Lexislatura da Cidade Autónoma de Buenos Aires, onde declaran "de interese cultural" ao "Mes dá Galeguidade". 

AGRUPACIÓNS FOLCLÓRICAS

No encontro participaron seis agrupacións folclóricas que convidaron aos presentes a facer un percorrido musical pola xeografía galega: desde os sons e traxes propios do sur cos que se engalanaron os conxuntos "Lembranzas do Val Miñor", "Deámosvos de Mos" e a "Agrupación Folclórica Baixo Miño", ascendendo pola costa atlántica ata a proposta do ABC do Partido de Corcubión, cos seus xa tradicionais "Cantos de taberna". Pero tamén a viaxe ao interior do país que propuxeron os grupos anfitrións "Dúas Beiras" e "Estróupele".

Ademais, a gala supuxo a posta de longo do "Trío Encontro" e a súa música fusión de raíz celta, coa guitarra de Gastón Rodríguez, a percusión de Chelo de Gerli e a gaita do emblemático Daniel Pazos, que sorprenderon con pezas de creación propia e ofreceron un fin de festa con temas propios do cancioneiro popular galego, na voz de Lorena Lores. Ao termo da función, unha queimada galega e rosquillas alimentaron aos presentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta