Por E.P. | VIGO | 30/07/2018 | Actualizada ás 13:49
Ao redor de medio cento de persoas concentráronse na mañá deste luns na cidade de Vigo para protestar contra a sentenza que condena a Juana Rivas a cinco anos de prisión e a seis de privación da patria potestade dos seus fillos, para reclamar que, ante casos como este, a Xustiza se poña "as lentes lilas para ver as cousas doutra maneira".
A portavoz de Feminismos Unitarios Puri Bernárdez, criticou que esta sentenza volve mostrar que a Xustiza é "patriarcal" e "usa argumentos criminalizadores das accións das mulleres". Fronte a iso, esixiu un cambio na Xustiza, o que na súa opinión pasa por que os xuíces teñan máis preparación que lles permita "darse conta de cando se trata dun maltratador".
Neste sentido, considerou que quitarlle a Juana a custodia "parece unha vinganza" e constata que "hai xuíces que viven no patriarcado". Así, a través dun manifesto lido a continuación por outra portavoz, o colectivo mostrou a súa "indignación" pola sentenza de Rivas, que "foi asinada o mesmo día do xuízo" cando "merecía un tempo de reflexión".
Ante iso, e tras pancartas con mensaxes como 'Vivas e libres, non á violencia machista' e 'a complicidade institucional é violencia criminal', esixiron "unha clara posición do Goberno de España" e a aplicación do pacto de Estado sobre violencia de xénero, que inclúe medidas para responder a casos como o de Rivas. "Juana non está soa", proclamaron.
Neste ámbito, Bernárdez engadiu que a concentración de Vigo, á que seguirán outras ás 20,00 horas deste luns en Santiago, A Coruña e Pontevedra, buscan "levar á rúa a violencia machista que se exerce dentro de casa". "O único que facemos é sacalo, porque en casa ninguén se decata", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.