Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2018 | Actualizada ás 19:05
O municipio pontevedrés de Arbo marcou por segundo día consecutivo a temperatura máxima do día en Galicia cos 43,5 graos que marcou o termómetro ás 17,30 horas deste venres. Segundo datos de Meteogalicia, os 43,5 graos alcanzados na parroquia de Cequeliños, en Arbo, foron o valor máximo deste venres, na segunda xornada da onda de calor que mantén en alerta vermella as zonas de Miño de Ourense e Pontevedra.
Precisamente na capital ourensá rexistrouse a segunda e a cuarta temperatura máxima da xornada (42,5 e 42,2 graos). Tamén se excederon os 40 graos este venres en Salceda de Caselas (Pontevedra) ou Arnoia (Ourense), entre outras localidades.
O aviso de onda de calor que se activou este xoves na zona sur de Pontevedra e en Ourense segue vixente este venres e Meteogalicia prevé que o sábado tamén se manteña. Este aviso actívase cando as temperaturas superan o limiar tanto da máxima de 35 graos como da mínima de 20. Con respecto ao sábado, Meteogalicia non prevé "cambios significativos", aínda que as temperaturas diminuirán lixeiramente: en Ourense haberá unha temperatura máxima de 40 graos; en Pontevedra e Vigo, 35; mentres que Santiago, Lugo, A Coruña e Ferrol non chegarán a 35.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.