Millarock, centos de persoas que combaten a calor con rock galego

A medida que baixaban os graos subían os decibelios para os asistentes da oitava edición do festival, que na Travesía do Porto do Milladoiro puideron gozar das actuacións de grupos como Ruxe Ruxe, Supernatural, Astarot e The Teta´s Van.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/08/2018 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

Hai dous anos que recuperaron o Millarock, o festival que congrega centos de persoas que desfrutan do rock galego. Celebrou así a oitava edición, que serviu para combater a abafante calor do pasado venres en toda Galicia. E os encargados de subir os decibelios foron The Teta ́s Van, Supernatural, Astarot e Ruxe Ruxe. Na Travesía do Porto do Milladoiro, no Concello de Ames.

Oitava edición do festival Millarock
Oitava edición do festival Millarock | Fonte: Cedida

Os concertos comezaron ás 21.00 horas coa actuación de The teta ́s Van, unha formación especialista en realizar versións, divertir transmitindo, reivindicando e loitando contra as inxustizas a través da lingua galega. Os asistentes puideron gozar coa súa música reivindicativa na que se lle deu voz ás verbas de numerosas poetas galegas.

Tras esta actuación saíu ao escenario Supernatural, o grupo encabezado pola amesá Thais Rudiño, onde seguindo coa xira de promoción do disco "Nothing to pretend", a banda fixo gala da gran variedade de ritmos e da fusión de estilos que aparecen neste novo traballo. De seguido foi a quenda de Astarot, unha formación que tamén se atopa nunha xira de concertos de presentación do seu último traballo, que marca os seus 35 anos de traxectoria musical.

Os últimos en subir ao escenario foron Ruxe Ruxe, que tamén fixeron unha parada no Millarock no medio da súa xira de presentación de 20 segundos, traballo do que se puideron gozar algúns temas. A súa intervención, na que tamén tocaron algúns dos seus temas máis
coñecidos, foi a encargada de por punto e final a esta oitava edición do festival.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta