Por E.P. | A CORUÑA | 22/08/2018 | Actualizada ás 14:50
O Concello da Coruña confirmou o cambio de concesión do Hotel Atlántico, que deixa de ser NH e pasa a mans de Hotusa, a nova arrendataria do inmoble. O hotel, situado nos Xardíns de Méndez Nuñez, está á espera da súa reapertura. En rolda de prensa, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, explicou os trámites no cambio de concesión do hotel Atlántico, cuxo acto de reversión tivo lugar na noite deste martes.
O edil asegurou que se asinaron as cartas de subrogación dos empregados, 32 delas correspondentes ao propio cadro do establecemento. O resto de postos, até os 41 que había, completaranse con persoal de limpeza de piso.
Así mesmo, Lema sinalou que polo momento non se chegou a ningún acordo para a cesión, venda ou aluguer da mobiliario propiedade de Parisiana, antiga arrendataria, e asegura que desde o goberno local non contemplan sancionar á concesionaria saínte por non facelo no prazo previsto.
REAPERTURA
"Non hai prazo de inicio de actividade", dixo o concelleiro, que non confirmou a data na que o hotel Atlántico reiniciará a súa actividade ao considerar que é un tema que depende de Hotusa.
O Grupo Hotusa, propietario de Galena Hoteis, encargarase da súa explotación durante os próximos anos a cambio do pago dun canon anual de 1,5 millóns de euros. En total, o Concello ingresará 30 millóns durante os próximos 20 anos.
PSOE
Pola súa banda, o portavoz municipal do PSOE, José Manuel García, acusou á Marea de "actuar como o peor propietario" e tachou de "chapuza" o cambio de concesión. "O concello non é un xerador de rendas", criticou o socialista.
García tamén lamentou que o goberno local non contemplase outras "alternativas" existentes para esta edificación e que primase "o "prezo" ante todo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.