Un pescador, rescatado con vida en helicóptero tras caer á auga en Cabana de Bergantiños (A Coruña)

Un pescador tivo que ser rescatado e evacuado en helicóptero, despois de caer ao mar mentres pescaba na zona de Cabana de Bergantiños (A Coruña), e ser localizado sobre unhas rocas durante a madrugada deste venres.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2018 | Actualizada ás 10:45

Comparte esta noticia

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia do 112 informou que recibiu, ao redor das dez da noite do xoves, unha chamada de familiares do home que o estiveran buscando desde o atardecer.

Salvamento Marítimo participando no rescate dun bañista en Muros (A Coruña)
Salvamento Marítimo participando no rescate dun bañista en Muros (A Coruña)

A última vez que o pescador se puxo en contacto coa súa muller foi ao redor das sete da tarde, pero, a partir desa hora, xa non puideron localizalo por teléfono.

Ante a imposibilidade de falar co pescador, os seus familiares solicitaron axuda ao 112, desde onde se avisou a Salvamento Marítimo, que activou un operativo de procura, no que participaron helicópteros e embarcacións.

Por terra, sumáronse ao dispositivo voluntarios de Protección Civil de Cabana de Bergantiños e dos concellos limítrofes, como Malpica e Laxe, ademais de membros do GES de Ponteceso.

Finalmente, ao redor das dúas da madrugada, o home foi localizado tirado sobre unhas rocas. Tivo que ser rescatado polo Helimer e trasladado ao Aeroporto da Coruña, no que esperaban os profesionais sanitarios para sometelo a un primeiro recoñecemento.

Aínda que o pescador presentaba algúns golpes, en todo momento estivo consciente, segundo concreta o 112 Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta