Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2018 | Actualizada ás 12:31
Ciudadanos (Cs) entregou no Rexistro do Parlamento de Galicia un escrito no que insta o Executivo galego, que lidera Alberto Núñez Feijóo, a aclarar que medidas de apoio adoptou en relación aos pensionistas e xubilados galegos retornados de Venezuela, á vez que lle reclama que actúe para aliviar a súa situación.
Así o trasladou, en declaracións aos medios ás portas da Cámara, a portavoz de Cs en Galicia, Olga Louzao, quen alertou de que, na comunidade, hai un colectivo duns 3.000 afectados. "Non están a cobrar nin unha pensión mínima, viven unha situación de emerxencia social moi caótica", esgrimiu.
Nesta conxuntura, Cs, que tamén preguntou no Congreso, quere saber que pasos deu a Xunta. E é que, aínda consciente de que a competencia "non é propia autonómica" senón da Tesouraría da Seguridade Social, si entende que o Goberno galego pode actuar, por exemplo, no ámbito dos servizos sociais, e contribuír a mellorar a situación do colectivo de retornados de Venezuela.
"Sofren unha situación moi complicada", subliñou Louzao, após rexistrar un escrito no que pregunta se a Xunta xa tomou as medidas necesarias para dar cumprimento á resolución de apoio a este colectivo adoptada polo Parlamento de Galicia o 4 de outubro de 2017.
MEDIDAS PALIATIVAS URXENTES
Cs tamén pregunta se a problemática deste colectivo foi trasladada ao Goberno central para que tome "todas as medidas precisas" para emendar esta situación que abarca varios organismos como a Seguridade Social, esixíndolle que acate a posición do Tribunal Supremo e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que "se reafirma na última sentenza" na Sala do Social.
Finalmente, pide á Xunta aclarar se foron emprendidas medidas paliativas "urxentes", de forma provisional, para "recoñecer a dependencia económica do colectivo, e tramitar unha dotación orzamentaria extraordinaria ou similar que "permita soportar a grave situación deste colectivo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.