Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2018 | Actualizada ás 15:11
O 85% dos carburantes que se consomen en Galicia son diésel, fronte ao 82 por cento estatal. Unha dependencia que lle sairá cara aos galegos cando se poña en marcha o novo imposto sobre este carburante. Afectaría directamente á industria da automoción, xa que o 62 por cento do valor que se xera nesta industria "é consecuencia de vehículos diésel".
Así o advertiu este xoves o director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces durante a súa intervención en Comisión parlamentaria para responder a unha pregunta da deputada nacionalista Noa Presas sobre o prezo dos carburantes en Galicia.
Tamén dixo, sobre os prezos dos carburantes antes de impostos, que a "presión fiscal" sobre os mesmos "non determina" os elevados prezos en Galicia, dado que os carburantes xa son dos máis caros de España na Comunidade antes de impostos.
A título explicativo, e despois de garantir que a Xunta "sempre fará unha política rigorosa" nesta materia buscando o interese dos galegos, Tahoces lembrou que os carburantes en España están suxeitos a dous impostos, o IVE e o imposto sobre hidrocarburos, que se divide actualmente en tres tramos, dous nacionais e un autonómico.
No entanto, lembrou, a partir do 1 de xaneiro de 2019, o tramo autonómico no seu tipo máis alto integrarase no de ámbito estatal co obxectivo de que "en todas as comunidades exista o mesmo tipo impositivo".
ESPECIFICIDADE DO SECTOR FORESTAL
Na Comisión de Industria compareceu tamén o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema Piñeiro, que defendeu a necesidade deste organismo dada a "especificidade deste sector" e a súa dimensión económica en Galicia.
En resposta a unha pregunta formulada polo deputado socialista Abel Losada, Lema Piñeiro lembrou que esta axencia nace inmersa nun "cambio de valores" da sociedade en favor de "unha economía verde e circular" e fomentando a participación nas súas misións de todos os órganos implicados dalgún modo no sector.
O Plan de Actuación inicial destinou este ano á entidade preto de 10 millóns de euros para a posta en marcha do seu soporte organizativo e accións estratéxicas de formación, innovación e modernización tecnolóxica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.