Por Galicia Confidencial | VIGO | 23/09/2018 | Actualizada ás 15:09
Verdegaia apóiase en informacións aparecidas o 9 de setembro na prensa local de Pontevedra. “De ser certo o que se publicou estaríamos ante uns feitos de extrema gravidade que de pasaren en calquera outro país avanzado terían obrigatoriamente que implicar o cese inmediato do Director-Conservador do espazo protexido”. O sinalado por presuntas irregularidades é José Antonio Fernández-Bouzas, director do Parque Nacional.
Verdegaia apunta que “este tipo de condutas presuntamente cometidas por Fernández-Bouzas non nos sorprenden en absoluto dada a súa traxectoria dende que foi nomeado na década pasada Director-Conservador do Parque Nacional”. No documento remitido pola asociación ecoloxista tamén sinalan que “cómpre lembrar varias actuacións no arquipélago de Cíes, como o proxecto de construción dunha pasarela polo medio do cordón dunar de Punta Muxieiro que foi denunciado no xulgado de instrución número 1 de Vigo e ante diferentes administracións”. Lembran desde Verdegaia que dito proxecto foi paralizado polo Seprona no ano 2009.
Os ecoloxistas tamén denuncian presuntas actuacións ilegais en 2010 “na illa Sur, onde empregaron pedras do antigo mosteiro medieval e salgadoiro para canalizar un rego carecendo de autorización do Parque Nacional, da Consellaría de Medio Ambiente, e realizándose sen licenza municipal”. En 2011 denunciouse que “cando o propio Parque Nacional levantou unha nave de 325 m2 coa finalidade de facer de garaxe de vehículos e albergar xeradores”. Ao parecer “estas obras están situadas en solo rústico de protección de Costas, solo rústico de protección de espazos naturais e nun espazo con xacementos arqueolóxicos singulares, e non contaron con licenza municipal nin coas autorizacións autonómicas preceptivas”.
Ademais disto, as persuntas irregularidades encaixan “moi ben coa non aprobación do Plano Reitor de Uso e Xestión do espazo protexido, que segundo a Disposición Adicional Segunda da Lei 15/2002 de 1 de xullo, pola que se declara o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia”. En dita lei apuntábase que “no prazo dun ano elaborarase o plano reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional”. En consonancia con esa Disposición, o PRUX tiña que ter sido aprobado o 3 de xullo de 2003. Pero “malia as insistentes peticións dos últimos anos do ecoloxismo galego, nin a Dirección do Parque Nacional nin a Consellaría chegaron a aprobar este valioso documento”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.