Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2018 | Actualizada ás 12:16
A reunión da plataforma Long Hope coa Secretaría de Estado para a UE, serviu para expresaren o seu malestar polo infructuoso que está resultando o itinerario de reunións con diferentes institucións. De tal maneira, expresaron que “queremos feitos que expresen de maneira efectiva a vontade expresada de resolver os problemas que nos afectan”.
Diante desta petición, os mariñeiros de Long Hope espera que a proposta realizada ao Goberno central de “crear un convenio bilateral con Noruega para poñerlle fin á desprotección” de cobertura social por anos traballados no país escandinavo, sexa unha realidade en breve. Senón, anuncian que seguirán coas súas mobilizacións na rúa e pedindo entrevistas con diferentes organismos.
VALEDORA DO POBO
Na mesma liña de actuacións diante das diferentes institucións, Long Hope presentou un escrito diante da Oficina da Valedora do Pobo, para que esta realice as diferentes pescudas necesarias para poder abrir unha vía de solución á problemática do colectivo de antigos mariñeiros mercantes. Nese sentido no expediente de queixa presentado o 19 de setembro de 2018, a Valedora fai constar que recibiu no documento presentado os diferentes itinerarios percorridos pola plataforma para que escoiten as súas reivindicacións.
Así, a Oficina da Valedora ten constancia das entrevistas con institucións tanto galegas como do Goberno central e Unión Europea e as autoridades norueguesas. Desta maneira, o documento da Valedoría do Pobo fai constar que ten coñecemento das propostas realizadas diante da Delegación do Goberno en Galicia, ao Parlamento galego e outras autoridades.
Desde a Valedora do Pobo constéstase que se porán en contacto coa Delegación do Goberno para transmitir ao Ministerio de Asuntos Exteriores a queixa presentada. Así, espera abrirse unha nova vía de actuación para darlle saída ás reivindicacións dos antigos mariñeiros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.