Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2018 | Actualizada ás 18:46
O Parlamento galego acordou este xoves por unanimidade --após unha proposta do PSdeG-- instar á Xunta a que acorde coa Igrexa que se permita a visita libre e gratuíta ao Pórtico da Gloria, así como ás catedrais de Mondoñedo (Lugo), Ourense e Tui (Pontevedra) polo menos catro días ao mes.
Na comisión de Cultura da Cámara, a deputada do PSdeG Concepción Burgo remarcou que deben estar polo menos catro días durante catro horas abertos ao público de forma gratuíta en cumprimento da lei de patrimonio cultural de Galicia.
Respecto diso, Burgo denuncia "unha situación de absoluta inxustiza que a Xunta tolera porque lle tolera todo á Igrexa" e "non se pode tolerar que incumpra a lei de patrimonio", mentres lembra que, por exemplo, a Catedral de Santiago xestiona 17 millóns de euros en axudas públicas. "Considero que non se debe cobrar en ningún momento, pero imos por partes e comecemos por pedir que cumpran a lei e abran as catedrais e tamén o Pórtico da Gloria", apunta.
Neste sentido, carga contra o que considera avaricia dos responsables do templo compostelán por querer cobrar 10 euros pola visita ao Pórtico da Gloria, mentres indica que "as desculpas do Cabildo e da Fundación da Catedral" por cobrar entrada "non serven".
De tal forma, insta ao Goberno galego a que traslade na comisión mixta Xunta-Igrexa a demanda de que cumpra coa lei de patrimonio e para lembrarlle que "todos os cidadáns" son "iguais ante a lei".
OUTROS ACORDOS
Noutra orde de cousas, nesta comisión tamén saíron adiante outras propostas como unha do PPdeG na que se demanda á Xunta a creación de contidos de formación en lingua galega que faciliten o seu estudo e coñecemento aos residentes e non residentes en Galicia.
Ademais, aprobouse unha proposta de En Marea na que se pide á Xunta que faga público, a través da remisión aos grupos parlamentarios, do informe cos gastos desagregados da construción da sede do Consorcio Interuniversitario de Galicia, así como o custo que tería o proxecto noutros espazos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.