Villares apela á súa "neutralidade" nas primarias de Podemos

"Para poder dirixir unha organización é necesario coñecer o lugar onde esa organización ten implantación", indica o portavoz de En Marea

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/10/2018 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, volveu a apelar á súa postura de "neutralidade" para referirse ao proceso interno de Podemos Galicia, marcado pola posibilidade de que unha das cofundadoras do partido, Carolina Bescansa, recolla a luva lanzada pola dirección saínte da formación, que quere que a santiaguesa encabece unha candidatura á Secretaría Xeral do partido morado.

Luis Villares e Pablo Iglesias
Luis Villares e Pablo Iglesias

A preguntas dos medios este luns en Santiago e como xa fixo o pasado venres en relación á candidatura para liderar Podemos Galicia do deputado de En Marea Antón Gómez-Reino e afín a Pablo Iglesias, Luís Villares remarcou que manterá unha posición de "neutralidade" durante o proceso interno da organización morada que concluirá o próximo 25 de outubro.

Na tarde deste luns, Carolina Bescansa ofrecerá declaracións aos medios na capital galega nas que desvelará se acepta o ofrecemento da dirección do partido para converterse en candidata á Secretaría Xeral de Podemos Galicia, tendo en conta que o actual número un do partido, Carmen Santos, anunciou o pasado sábado que non optará á reelección.

Nas últimas horas, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, mostrouse sorprendido ante a posibilidade de que Carolina Bescansa se presentara ás primarias de Podemos Galicia logo de "20 anos vivindo en Madrid", ao que a santiaguesa respondeu vía Twitter apelando á súa condición de "emigrante".

"Para poder dirixir unha organización é necesario coñecer o lugar onde esa organización ten implantación e realiza a súa acción política", asegurou Luís Villares. "Carolina Bescansa é de Santiago, até onde eu se", concluíu o portavoz rupturista.

RELACIÓN CON EN MAREA

Unha das cuestións ás que terá que facer fronte a dirección que escollan os inscritos de Podemos Galicia será a relación do partido co espazo político de En Marea, que tamén encara un proceso de renovación dos seus órganos directivos nun momento de profunda división interna.

No ano 2016, Carolina Bescansa participou nas negociacións con En Marea para a configuración da candiatura que se resolveu no último momento pola intervención desde Madrid de Pablo Igrexas cando xa se daba por feito que concorrerían por separado debido ás reticencias da dirección de Podemos Galicia a diluírse no partido instrumental.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta