Daquela prometíanse unha aposta forte para C´s. Hoxe podemos dicir que para a formación laranxa está moi en vigor o mito de Edipo, o efecto Valls, vai matar a C´s en Barcelona, se renuncias as siglas renuncias a estar...En Marea sabe moito disto. Os movementos recentes así o permuten augurar, unha presentación da plataforma de Valls sen Rivera nin Arrimadas fai ver ás claras un clima de confrontación próximo. A Plataforma Barcelona Capital Europea pode, cunha grande dose de populismo, penetrar fortemente nunha Barcelona cansada de uns e de outros e desilusionada cunha alcaldesa do “cambio” que xa nin os seus sacan fora da Cidade Condal.
Dende unha visión europea e pro Europa Estado, a candidatura de Valls podería ser unha boa nova, mais moito me temo que é unha aplicación, unha vez máis, de populismo e efectismo que non vai facer máis que desilusionar na construción dunha Europa dos pobos. Imaxino que o equipo de asesores de C´s estarán tentando hoxe minimizar riscos e blindar o status quo do líder supremo porque coido que Valls é suficientemente ambicioso para dar un salto alén de Barcelona, veremos.
No marco galego non se albisca tal movemento, quizais ter soamente 2,8 millóns de habitantes non resulta importantes na batalla por unha Europa social ou liberal que se vai por de manifesto en maio de 2019. Mais para Galicia é unha opción apostar polo partido máis europeísta e con mellores bimbios para as nacionalidades, rexións e países sen estado. Esta forza é o Partido Demócrata Europeo de Francesco Rutelli e Bayrou, pronto teremos novas ó efecto en Galicia. Federalismo europeo de certo, para que Galicia pinte algo en Europa, tendo en conta que a actual representación está traballando disimuladamente na opción de menos Europa.
Nunca se lle da suficiente importancia ás eleccións europeas, craso error, porque o 70% da normativa sae de Bruxelas e Estrasburgo e en Galicia moito do noso potencial esta en liza alí: pesca, agricultura, fondos de cohesión, eurorexión …
Os liberais xa deron pasos para inclinar a balanza con un cabalo de troia, ollo á posición popular e socialdemocráta-socialista, algo terán que facer, non tan contundente pero si necesario para as súas formacións políticas. Quen sabe igual Pedro Sánchez pense en Paco Vázquez para alcalde de Roma, total na súa renovación xa rescatou a Losada, Bugallo e Laxe. Calquera día vemos a Abel Caballero como candidato en Oporto, xa sabedes que isto é unha licenza, en Portugal son serios coa política e teñen máis luces.
A Galicia tócalle loitar por peso como País en Europa, posiblemente exista unha opción, coido que moita xente xa traballa niso. 2019 é o momento xusto para Galicia e un bo camiño chámase Galeusca.